Unanimidade no último pleno ordinario da Deputación ao traspaso da Escola de Cantería á Xunta de Galicia
O goberno provincial subliñou a importancia do acordo nun “exercicio claro de colaboración institucional” e animou á Xunta “a seguir neste camiño coas transferencias pendentes
28/04/2023
O último pleno ordinario na Deputación de Pontevedra rematou coa total unanimidade da corporación provincial da transferencia da Escola de Cantería á Xunta de Galicia. Trátase da aprobación inicial do traspaso do centro de formación que, agora, tras un período de 20 días sometida a información pública para presentación de alegacións, será elevada a definitiva. A partir de ese momento a Escola de Cantería quedará adscrita á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. Foi o principal acordo da sesión, a última ordinaria do mandato, polo que a presidenta Carmela Silva quixo recoñecer e agradecer o traballo da corporación nestes catro anos. Foi unha sesión de moita cordialidade e de despedida ás e aos deputados que non repetirán nas listas electorais do 28 de maio, con especial agarimo ao deputado Santos Héctor Rodríguez que deixa a vida política. A todos eles e elas Carmela Silva desexou felicidade na nova etapa, “porque ser felices é realmente o único importante”.
No pleno a unanimidade foi protagonista na aprobación da transferencia da Escola de Cantería á Xunta de Galicia. Carmela Silva manifestou a súa satisfacción polo cumprimento dun dos compromisos do Goberno, e salientou a importancia de este acordo que, “partindo dun claro exercicio de colaboración institucional, vai permitir a transferencia dun centro educativo á administración con competencias propias na materia”. Silva fixo un especial recoñecemento ao vicepresidente Mosquera e ao conselleiro Román Rodríguez que iniciaron unhas negociacións “cordiais, eficaces e moi rápidas a pesar do complexo procedemento administrativo”. Tamén agradeceu o traballo aos equipos técnicos da Deputación e da Xunta, á Comunidade de Montes “que a cambio de nada aceptou a cesión dos terreos”, e ao profesorado e alumnado da Escola que por fin poderán ter unha titulación. “A pedra, dixo, ten futuro, e este acordo é moi importante porque amais da calidade da formación, agora van ter un título de Formación Profesional”.
A presidenta lembrou que xa é un feito a transferencia do Pazo de Lourizán, que será inminente a da Escola de Enfermaría á Universidade de Vigo e animou á Xunta a ter “vontade política para seguir neste camiño” e que poida supor a transferencia doutros centros, vinculados tamén á educación, como o Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza, o Colexio de Educación Infantil e Primaria Daría Gonzalez, ou o centro de Educación Especial. Do mesmo xeito, citou aos centros provinciais destinados a investigación como a Finca Mouriscade ou a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, “de claras competencias da comunidade autónoma”.
Pola súa banda o vicepresidente César Mosquera tamén se sumou ás felicitacións por este acordo para o traspaso da Escola de Cantería, “que esperamos que abra a vía para as novas transferencias que seguen pendentes”. “Hai que ter altura de miras e organizar ben a administración para que cada institución se ocupe das súas competencias”.
O proceso da Escola de Cantería
A transmisión da titularidade da Escola de Cantería á comunidade autónoma suporá o traspaso efectivo das funcións, servizos e recursos materiais do centro, así como os bens, dereitos e obrigas, para a transformación da Escola nun centro público docente e dependente da Xunta de Galicia. Esta cesión permitirá adecuar a súa organización e a oferta de ensino aos postulados establecidos pola lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación, integración da formación profesional e as demais normas do sistema educativo. O persoal da Escola tamén pasará a depender da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. As súas condicións de traballo non se verán afectadas xa que se respectarán as que tiñan recoñecidas na Deputación de Pontevedra, tal e como se acordou na mesa negociadora co Comité de Empresa da institución provincial. De feito, este acordo foi sometido a consultas previas cos sindicatos que trasladaron a súa conformidade total, manifestando ademais o acordo dos propios traballadores e traballadoras da Escola.
Declaración Institucional Día Mundial do Lupus
Antes da sesión, a presidenta da Asociación Galega de Lupus (AGAL), Nuria Carballeda, deu lectura a unha declaración institucional en apoio ás persoas enfermas, elaborado por este colectivo e a Federación Española con motivo do Día Mundial do Lupus que se conmemora cada 10 de maio. O manifesto expresou o apoio e recoñecemento ás e aos pacientes que sofren esta doenza, da que en España se calcula que hai 210 casos por cada 100.000 habitantes, así como a familiares e colectivos que loitan pola súa visibilización e traballan para concienciar sobre a enfermidade e o seu diagnóstico precoz. Neste senso, Carballeda lembrou que preto do 60% da poboación española non sabe en que consiste o lupus ou tan só coñecen o nome, o que a converte “nunha enfermidade invisible menos para quen a padece”, especialmente mulleres, xa que representan o 90% dos casos.