A Deputación destina a Nigrán preto de 600.000 € do Plan Concellos para a pavimentación de camiños municipais

A axuda permitirá ao concello mellorar o firme de diversos tramos dun total de 33 viarios

20/05/2023

Carmela Silva

A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar unha achega da Liña 1 do Plan Concellos por preto de 600.000 (592.292€) para Nigrán, que irá destinada á pavimentación de camiños municipais.  Tal e como informou en rolda de prensa a presidenta provincial Carmela Silva, con estes recursos o concello vai destinar no 2023 todo o investimento á súa disposición na Liña 1 do plan provincial a traballos de pavimentación en viarios, despois de ter aprobado en marzo outra achega de 135.833€  para costear a mellora de camiños en Chandebrito.

Estes novos recursos permitirán a  Nigrán mellorar o firme de diversos tramos dun total de 33 camiños, entre os que figuran a Rúa da Cova, a Rúa do Outeiro, o Camiño do Monte, Camiño do Pombal, avenida Praia América, Camiño da Igrexa, Camiño Carballal, o a Rúa Pontillón entre outros. Trátanse de camiños municipais que presentan deterioros en diferentes puntos, sendo as fisuras, fochancas, reposicións de gabias e degradación  xeral da capa de rodaxe, as principais patoloxías detectadas. Tamén son camiños que se encontran parcialmente pavimentados ou sen pavimentar. Por outra banda, nun numeroso grupo de viarios municipais a vexetación invadiu as marxes e cunetas.

A actuación que se vai desenvolver na maioría dos camiños consiste na pavimentación, co estendido e compactado dunha capa de 5 cm de mestura bituminosa en quente sobre o firme existente. Igualmente, contémplanse partidas de fresado para a conexión con outros tramos e acceso a vivendas, así como o recalce de tapas de rexistro en calzada mediante formigón.