A Deputación dota de 2 millóns de euros de fondos propios a primeira fase do plan "APEARSE", que reformulará por completo as paradas de autobús da provincia

Carmela Silva: “Este plan supón ir máis alá da simple substitución das marquesiñas existentes. Actuaremos en todo o espazo onde están instaladas, impulsando un cambio transcendental para que a xente acceda ao transporte público en condicións óptimas”

17/03/2023

APEARSE

Estender o modelo provincial de mobilidade integral, no que as persoas están no centro, ás paradas de transporte público. Ese é o obxectivo do novo plan Apearse (Accesibilidade Peonil ao Autobús Segura) que vén de poñer en marcha a Deputación cunha primeira fase na que investirá dous millóns de euros de fondos propios e para a que xa recibiu ata 90 propostas de actuacións prioritarias en marquesiñas por parte de 28 concellos. A presidenta provincial, Carmela Silva, avanzou hoxe que a institución provincial xa está a estudar as actuacións solicitadas para realizar unha selección en función das condicións de cada espazo, abordar os proxectos ao longo deste ano e iniciar as obras a principios de 2024. Haberá catro modelos de actuacións, como explicou o deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, que darán resposta “ás condicións de cada área caso por caso”.

O plan Apearse trátase dun novo paso no cumprimento do Plan Estratéxico Vías Provinciais 2030 e supón incorporar as paradas de autobús no modelo de mobilidade sostible e segura da Deputación. “Imos ir máis alá da simple substitución das marquesiñas existentes. Actuaremos en todo o espazo onde están instaladas –apuntou a presidenta provincial-. Este é un plan realmente moi potente que ten como obxectivos a accesibilidade peonil ao autobús e accesibilidade segura. Non só buscamos unha mobilidade que nos permita reducir o Co2 e embelecer e facer humanos estes espazos, senón que traballamos tamén para que a xente se mova en transporte público e poida acceder aos autobuses en condicións óptimas, aínda que o transporte público non é unha das nosas competencias”.

Carmela Silva incidiu en que este plan está xa calendarizado e está a afrontarse con fondos propios, en contraposición ao plan recentemente anunciado pola Xunta para cambiar marquesiñas “que non é tan potente como este e cuxos recursos non proveñen da Xunta, senón que son aportados polo Goberno do Estado a través dos Next Generation”. Amais, criticou que “transfírenos cero euros ás deputacións e os concellos, a pesar de que no noso caso temos 1.700 quilómetros de vías provinciais. O lóxico sería facer un plan conxunto, pero van por libre e vendendo cousas que non fan con recursos deles”. Pola contra, incidiu en que Apearse ponse en marcha “dándolle voz” aos concellos, aos que se pediu nunha fase de consulta que remitisen as actuacións que considerasen prioritarias (un máximo de catro) e que agora se seleccionarán “con criterios obxectivos”.

Segundo explicou a presidenta, os trámites levarán en torno a dez meses “para comezar xa no 2024 as obras”. Trala recepción das propostas, o seguinte paso serán as visitas de campo que realizará o equipo técnico da Deputación nos vindeiros días ás 90 localizacións e, nun prazo de dous meses, decidir as primeiras actuacións. A continuación, procederase ao levantamento topográfico para c0ncretar as necesidades dos espazos e, a partir de aí, realizarase no prazo de mes e medio un anteproxecto “no que quedarán exactamente determinadas as necesidades”. Remitirase logo a documentación aos concellos  coas necesidades de terreos (se son necesarios) e redactaranse finalmente os proxectos construtivos. As actuacións deseñaranse en función dos espazos con catro posibles modelos “dependendo da realidade física e as condicións dos espazos”.

O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, incidiu en que se trata dunha actuación “ambiciosa e complexa e que para cada caso farase un estudo puntual”. Remarcou que, en conxunto, “busca dotar ás infraestruturas provinciais de plataformas e zonas de estancia seguras e cunha imaxe propia”. “O que se pretende –indicou- é poñer a disposición das persoas o espazo público e, ao mesmo tempo, seguir avanzando nesta pirámide que temos invertido desde a Deputación, na que o primeiro son as persoas e o segundo o transporte público”. Deste xeito, e co apoio de infografías, o deputado detallou os catro modelos previstos para estes espazos: un centrado en plataforma illada con parada no carril de circulación, pensado para aquelas zonas onde a densidade de tráfico é máis baixa; outro, tamén para estradas con intensidade de circulación baixa, que ampliará as beirarrúas existentes ocupando as bandas de aparcamento; unha terceira proposta, xa para estradas con densidade importante, que incorpora un carril específico para autobús, con cuñas de acceso, un espazo seguro para zona de espera e un carril con dimensións axeitadas para o bus; e, por último, un cuarto modelo, similar ao anterior pero coa diferencia de que o espazo de detención do bus detráese da banda de aparcamento e as cuñas de entrada e saída están sinalizadas horizontalmente na calzada. 

documentos

audios