A Deputación de Pontevedra pecha esta fin de semana en Ponteareas o ciclo “José Gil. Pontevedra, provincia de cine, na orixe do cinema”

A última parada do programa, que percorreu trinta concellos da provincia para dar a coñecer a figura do pioneiro do cinema galego, será este venres e domingo e incluirá unha mostra, visitas guiadas e proxeccións audiovisuais en Ponteareas

30/11/2023

A Deputación de Pontevedra pecha esta fin de semana en Ponteareas o ciclo “José Gil. Pontevedra, provincia de cine, na orixe do cinema”, que desenvolve xunto a Vía Láctea Films, Cine na Rúa e a Editorial Galaxia para poñer en valor a figura de José Gil (1870-1937), pioneiro no cinema galego. A derradeira parada do programa, que a institución provincial desenvolveu ao longo destes meses en trinta concellos da provincia,  será este venres e domingo, 1 e 3 de decembro, na vila do Corpus e incluirá proxeccións, visitas guiadas ao Cinemóbil e unha mostra sobre a traxectoria de Gil, que foi fotógrafo, director, operador de cámara, realizador, produtor e exhibidor de cinema nun tempo no que esta arte nacía en todo o mundo.

Na xornada do venres 1 de decembro, o Auditorio Reveriano Soutullo acollerá, entre as 10:00 e as 13:30 horas, proxeccións de balde dirixidas ao alumnado dos centros de ensino de Ponteareas. Nesta franxa horaria as e os  rapaces poderán tamén gozar dunha visita guiada ao Cinemóbil N.º 3, que inclúe dezaseis paneis explicativos sobre o cineasta a cargo de Manolo González e Ignacio Vilar. Pola tarde, entre as 20:00 e as 21:30 horas, proxectaranse no mesmo auditorio catro filmes do artista para a veciñanza de Ponteareas.

O programa continuará o domingo 3 de decembro cunha visita guiada por Manolo González e Ignacio Vilar ao Cinemóbil, aberta a toda a cidadanía. Despois presentarase o libro Nos días encantados de agosto, centrado na figura de José Gil e elaborado por Manolo González, quen acadou con el o Premio Antón Losada Diéguez, na categoría de investigación e ensaio en 2023. A xornada rematará entre as 13:00 e as 14:00 horas cunha sesión vermú amenizada coa Banda de Música Reveriano Soutullo no auditorio homónimo.

O proxecto multidisciplinar “José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema” aglutinou presentacións, exposicións, proxeccións, concertos e múltiples actividades nun total de trinta concellos para difundir e poñer en valor a figura e obra do considerado iniciador do cinema en Galicia. A programación comezou no seu concello de orixe, As Neves, e pasou ao longo destes meses por Cuntis, Cambados, A Guarda, Caldas de Reis, Mondariz, Covelo, Poio, Redondela, Baiona, Gondomar, Nigrán, Arbo, Mondariz-Balneario, Soutomaior, O Porriño, Bueu, Cangas, Pontecesures, Lalín, Sanxenxo, Pontevedra, Marín, Vigo, O Grove, Salvaterra de Miño, Tui, Moaña e Vilagarcía de Arousa antes de chegar á súa fin en Ponteareas.


José Gil e Ponteareas
O concello de Ponteareas é un lugar central da memoria de José Gil. Aquí filma varias películas locais, coma un partido de fútbol, pero tamén a Semana Santa da vila, as Festas dos Remedios ou unha homenaxe a Gabino Bugallal, entre outras. Na vila, ademais, xestionaba unha galería fotográfica pola que pasou boa parte da veciñanza, e tamén era a sede da súa produtora, Galicia Cinematográfica, único laboratorio cinematográfico de Galicia naquel momento.