Peche de ouro á V Aceleradora da Deputación de Empresas do Sector Turístico na que o 90% dos proxectos foron liderados por mulleres
Todas as propostas están vencelladas ao turismo de experiencias así como a impulsar plataformas e novas iniciativas para optimizar a oferta turística provincial
30/01/2023
A sede de Vigo da Deputación acolleu hoxe o peche da V Aceleradora de Empresas do Sector Turístico da institución na que o 90% dos proxectos participantes foron liderados por mulleres. Trátanse de oito iniciativas que “falan da capacidade que ten esta provincia de responder ás novas demandas do sector turístico”, tal e como asegurou a presidenta Carmela Silva ao referirse aos proxectos participantes, vencellados ao turismo de experiencias, así como a impulsar plataformas e novas propostas para optimizar a oferta. Durante o acto, que ateigou a Sala Rosalía da sede viguesa, a presidenta subliñou o seu orgullo polo “talento e creatividade” da provincia, remarcando o liderado feminino maioritario dos proxectos, e reivindicou a obriga das administracións “de contribuír para que ese talento, innovación e creatividade se converta en empresas que xeren actividade económica e emprego”. Ademais da presentación das iniciativas da aceleradora, a sede de Vigo acolleu tamén a presentación de cinco solucións turísticas innovadoras lideradas, tamén, maioritariamente, por mulleres.
“O sector turístico de hoxe –asegurou Carmela Silva- nada ten que ver co de fai oito anos. A sociedade ten avanzado e as persoas que hoxe nos veñen visitar demandan un modelo diferente, queren participar, ter experiencias e emocións, e preparan as súas viaxes empregando solucións tecnolóxicas”. Neste eido a presidenta aproveitou a ocasión para felicitar ao sector turístico da provincia “que está a ser capaz de converterse no máis innovador de Galicia e de todo o Estado”. Tamén subliñou o feito de que “tantas mulleres estean poñendo en marcha novos proxectos turísticos, nun sector que xera o 11% do PIB galego, moita actividade económico e emprego, e que ata fai moi pouco tempo estaba liderado por homes”.
Entre os proxectos que participaron na V Aceleradora de Empresas do Sector Turístico as iniciativas Alecrín de Ana Vázquez e Meet Rural de Lucía Prado e Sandra Fontinha resultaron gañadoras. Alecrín consiste na oferta de roteiros en destino autoguiados, onde as persoas usuarias poden valorar o patrimonio natural, arquitectónico ou inmaterial da provincia. Pola súa banda Meet Rural trátase dunha plataforma de encontro para os municipios rurais do sur de Galicia e norte de Portugal, onde están representados tanto os concellos como os negocios e persoas traballadoras.
Xunto a Alecrín e Meet Rural tamén participaron na aceleradora Gallery Selfie, de César Antonio Bugallo, unha opción diferente de lecer cultural co que as persoas visitantes poderán divertirse á vez que fan un percorrido temático cultural, aprendendo e rememorado o Art-Pop; Acíes Apartamentos, de Vanessa González, que oferta 8 apartamentos de deseño contemporáneo en Cangas con vistas ás Illas Cíes; Mi casa de vacaciones, de Sandra Lourido, que pretende crear unha empresa de xestión de alugueiros vacacionais rendible, sostible e de alto valor turístico; Maruxío, de María Rivas, que ofrece turismo de experiencias dando vida á zona rural; BodegaTravel, de Jana Kadlecova, que busca garantir que os establecementos turísticos da provincia poidan levar a cabo todo o cumprimento administrativo e adaptarse aos novos requirimentos legais; e Cristian Lago, cunha iniciativa para contribuír a mellorar a oferta turística e de lecer na contorna municipal de Tui.
Solucións Tecnolóxicas aplicables ao sector turístico
Amais dos proxectos da aceleradora, a sede de Vigo tamén acolleu a presentación de proxectos empresariais centrados na prestación de solucións tecnolóxicas aplicables ao sector turístico, das que a propia presidenta destacou que “imos tomar boa nota”. Entre as iniciativas atopábanse Roommatik, de Cristina García, que ofrece dispositivos de check-in que fan posible unha recepción automática e operativa as 24 horas do día; Troulanda, de Leticia Pérez e Patricia Pérez, que permite coñecer as festas e eventos que teñen lugar en Galicia e o norte de Portugal; Arzudeza, de Manuel Núñez e Gonzálo Núñez, que brinda servizos de deseño e mantemento de sitios web, landing pages ou tendas en liña; Capptus, de María Soliño, app turística que permite dixitalizar diversas operacións de campo do sector turístico; e Kame, de Alberto Pájaro, que asesora e axuda a unha gran variedade de empresas a conseguir os seus obxectivos.