A Deputación instalará a pantalla en Pontevedra para seguir a final da Eurocopa que xogará a Selección Española este domingo na Praza de España

Rafa Domínguez: “Agradezo que o Concello teña elixido este lugar, porque é o apropiado para desfrutar dunha final como esta da Selección Española nunha Eurocopa”

12/07/2024

Final da Eurocopa 2024

Finalmente, a Deputación de Pontevedra instalará na Praza de España a pantalla xigante para que a cidadanía da cidade de Pontevedra poida seguir a final da Eurocopa que a Selección Española de fútbol xogará en Berlín o vindeiro domingo a partir das 21:00 horas contra Inglaterra.

O goberno provincial solicitou o pasado mércores ao Concello de Pontevedra a autorización para a instalación deste equipamento nun lugar do centro da cidade que permitira aos seareiros reunirse para seguir un partido de fútbol do máis alto nivel, e foi finalmente este o espazo escollido. O vicepresidente provincial, Rafa Domínguez explicou que a comunicación co Concello foi constante nestes tres días e agradeceu “que teña escollido a Praza de España, porque penso que é o lugar apropiado para poder desfrutar dunha final como esta da Selección Española nunha Eurocopa”.

Non é a primeira vez que o executivo de Luis López formula unha iniciativa destas características. No pasado mes de maio, a Deputación instalou unha pantalla xigante no Paseo de Montero Ríos, diante do Pazo provincial, para seguir o encontro de ida da final polo ascenso a Primeira Federación entre o Pontevedra e o filial do Real Betis.

audios