“Orixe Rías Baixas” conquista Nuevos Ministerios

A campaña turística da Deputación de Pontevedra, protagonista na Estación de Metro madrileña vestíndoa coas súas tradicións e o seu patrimonio inmaterial inigualable

26/03/2023

ORIXE EN NUEVOS MINISTERIOS MADRID

Viquingos de Catoira, veciñanza no Medievo da Arribada de Baiona, danzantes de Cobres ou Darbo, cabalos de Sabucedo, protagonistas da Coca en Redondela, zoqueiras, pandereteiras, artesás de coiro e liño, os Entroidos, a lamprea, o viño ou as paisaxes…..  O vestíbulo de entrada da Estación de Metro de Nuevos Ministerios, unha das máis utilizadas de Madrid, situada en plena Castellana como principal zona comercial e financeira da capital e cun tránsito de máis de máis medio millón de persoas, énchese da cor e das emocións e tradicións únicas da provincia de Pontevedra.

A espectacular acción de promoción coa campaña “Orixe”, que foi visitada esta fin de semana pola presidenta provincial Carmela Silva, supón unha dominación completa das entradas da Estación madrileña e reforza un dos mercados que máis visitantes reporta a Rías Baixas. Paredes, barandillas, columnas, e alfombras de vinilo no chan da Estación visten desde fai un mes as potentes imaxes de “Orixe”, dando a coñecer as tradicións e o patrimonio inmaterial, protagonista este ano da promoción turística, que xurde como convite para achegarse e gozar das mil ocasións para celebrar a provincia de Pontevedra. Unha campaña emocional, baseada nas xentes da provincia, que conecta coa cultura, a identidade local, os oficios tradicionais, as festas e os rituais milenarios, pero tamén coa vangarda que reinterpreta dende a modernidade o noso legado.

Carmela Silva, acompañada da deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, percorreu as instalacións da Estación de Metro onde as potentes imaxes de “Orixe” vixían accesos e andenes. A presidenta provincial mostrou o seu orgullo porque “en só un mes, máis dun millón de persoas coñeceron xa a nosa campaña e o mercado madrileño nos interesa moito xa que é un dos nosos principais emisores”. “Amais, dixo, a campaña é unha beleza, porque mostra a  ampla oferta da provincia e como o territorio marca a nosa personalidade e a nosa cultura, “un destino máxico no que vivir experiencias únicas todo o ano para desfrutar da nosa cultura, paisaxes, gastronomía e xente”.

Amais da acción promocional en Madrid, a campaña de comunicación do destino Pontevedra Provincia, que arrancou en xaneiro en Fitur, se está a desenvolver en medios on line e  off line, e está destinada, sobre todo, ao público más interesado e descubrir as culturas locais de diferentes zonas do Estado. Internet é unha das apostas máis fortes da campaña con especial intensidade nas redes sociais e plataformas de compra programática, nas principais publicacións dixitais especializadas en turismo e outros soportes, que se desenvolverán durante todo o ano en varias ondas. Unha campaña on line que, segundo as estimacións, reportará á provincia en torno a 15 millóns de impresións, 75.000 clics nos anuncios e ata 3,5 millóns de visualizacións dos vídeos.

Galerias de imagenes

videos

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.