A Deputación adxudica as obras na estrada Serrapio-A Portela, que recibirán un investimento de máis de 400.000 euros

A actuación afecta un treito de 1,2 quilómetros no concello de Cerdedo-Cotobade, e permitirá anchear a calzada ata os 7 metros e dotala de beiravías para o tránsito peonil seguro

17/11/2023

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de darlle luz verde á adxudicación das obras de mellora da seguridade viaria na EP-7102 Serrapio-A Portela, no concello de Cerdedo-Cotobade. O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, deu conta da aprobación na conferencia de prensa, onde anunciou que as obras recibirán “máis de 400.000 euros para mellorar as características desta vía”. A actuación realizarase nun treito de 1,2 quilómetros da vía situado entre os lugares de Vilarchán e Fondós.

A intervención nesta infraestrutura provincial, financiada integramente con fondos propios e cun prazo estimado de execución de seis meses, permitirá anchear a estrada (que pasará de 4,5 a 7 metros), implantar dous carrís de circulación e construír beiravías en ambas as dúas marxes (inexistentes na actualidade), corrixir o trazado das curvas, renovar a capa de rodamento, construír muros de contención e cunetas para a drenaxe das augas pluviais, ampliar a ponte que se atopa neste tramo, implantar novas barreiras de seguridade e colocar unha nova sinalización horizontal e vertical na vía.

O vicepresidente provincial lembrou que os concellos “son os protagonistas da acción política deste mandato” e sinalou que soamente na Xunta de Goberno de hoxe a Deputación de Pontevedra mobilizou “preto de 1,5 millóns de euros para eles”.