O curso 2023/2024 do programa SmartPeme comeza con catro accións formativas sobre ciberseguridade, branding, marca persoal e Chat GPT
As accións formativas serán todas telemáticas e terán lugar entre este luns, 18 de setembro, e o vindeiro xoves
17/09/2023
O curso 2023/2024 do programa SmartPeme comeza esta semana con catro accións formativas telemáticas que se estenderán ata o xoves 21 de setembro. O programa de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas da Deputación arrancará o curso centrándose en ciberseguridade, branding, marca persoal e Chat GPT.
O primeiro curso da semana será este luns 18, ás 10 horas, e impartirao de xeito telemático Manuel Freire, experto universitario en robótica, programación e impresión en 3D. Ciberseguridade, o Que non se Ve da Navegación na Internet ten como obxectivo darlles a coñecer ás e aos asistentes os riscos aos que nos expoñemos ao navegar por internet.
O martes 19, ás 12:00 horas, terá lugar o obradoiro Branding Verbal, Crea Marca coas túas Palabras. Este centrarase nun dos puntos máis importantes da creación de marca: o branding verbal, que axuda a definir e transmitir a mensaxe para chegar ao mercado. O obradoiro impartirao Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico.
O mércores 20 pola mañá a mentora internacional de negocios dixitais de marca persoal e doutora en comunicación, Carla de Pont, impartirá a acción formativa Como Crear unha Marca Persoal Sólida no Dixital, que ten por obxectivo proporcionarlles ás persoas emprendedoras e creadoras de contido unha folla de ruta que lles axude a construír unha presenza dixital auténtica e sólida coa que gañar visibilidade e atraer clientela en liña.
Por último, o xoves 21 terá lugar o curso Chat GPT e Stable Diffusion, Aprende o seu Funcionamento, un itinerario de seis obradoiros en liña dunha hora cada un, que teñen por finalidade dar a coñecer o manexo das novas ferramentas gratuítas baseadas na intelixencia artificial, Chat GPT e Stable Diffusion. O primeiro dos obradoiros, que terá lugar este xoves, será impartido por Manuel Freire e centrarase na intelixencia artificial e nos seus conceptos básicos.