O Museo de Pontevedra organiza obradoiros para público adulto de introdución á cerámica e ao debuxo e á pintura
O curso de debuxo e pintura desenvolverase os martes, de novembro a xaneiro, mentres que o de cerámica terá unha quenda en novembro e outra en xaneiro
30/10/2023
O Museo de Pontevedra ofrece nos vindeiros meses a oportunidade de que o público adulto se introduza en diferentes técnicas creativas coa colección do Museo como inspiración. Os martes de novembro a xaneiro, Antía Sánchez impartirá o curso práctico de debuxo e pintura Imos Pintar ó Museo, mentres que os mércores de novembro e os de xaneiro, será Nuria Figueiredo a responsable dun obradoiro de introdución á cerámica.
A inscrición en calquera das dúas propostas é gratuíta. O prazo para inscribirse abre mañá martes 31 de outubro, ás 9:00 h, en reservas.museo@depo.gal, para o que se deberá indicar o nome e apelidos e o número de teléfono de contacto.
Imos Pintar ó Museo
O curso práctico Imos Pintar ó Museo desenvolverase ao longo de 12 sesións durante os meses de novembro e decembro de 2023 e xaneiro de 2024. Está dirixido a persoas adultas que se queiran iniciar no debuxo e na pintura. Desenvolverase os martes, con dúas quendas, de 17:00 a 18:30 h ou de 18:30 a 20:00 h.
O curso organízase en tres bloques. As sesións de novembro estarán dedicadas ao autorretrato. A partir da autocaricatura de Castelao, as persoas que participen aprenderán a debuxar o rostro e o corpo, para o cal viaxarán desde a figuración á síntese dunha figura e utilizarán a liña e o plano de cor.
As sesións de decembro partirán de obras de Laxeiro e Arturo Souto, para achegarse ás escenas de xénero, que enmarcan xente común realizando accións cotiás. As persoas participantes aprenderán a soltar a man explorando o trazo, composición e claroscuro e debuxo co carbón, co trapo, esfumado e goma.
Por último, en xaneiro a obra de Colmeiro será o punto de partida para introducirse na paisaxe e na cor, para o cal usarán o pastel e empregarán o círculo cromático para entender as relacións entre as cores e a composición cromática.
Impartirá o curso Antía Sánchez, licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, que ,como docente, desenvolveu diversos cursos e obradoiros de pintura e debuxo. Como artista, expuxo en Portugal, Finlandia e España.
Obradoiro de cerámica
O Obradoiro de Iniciación á Cerámica, dirixido a persoas adultas, desenvolverase durante catro sesións de dúas horas de duración, de 18:00 a 20:00 h. A primeira quenda terá lugar no mes de novembro e a segunda será xa en xaneiro de 2024.
O obradoiro propón un primeiro achegamento á cerámica para público adulto. Durante catro sesións, as persoas participantes explorarán diferentes técnicas de construción, coñecerán os estados da arxila e descubrirán as técnicas de decoración. Coceranse as pezas e veranse diferentes tipos de vidrados e decoracións con óxidos e pigmentos, para rematar cunha segunda cocción.
Impartirá o obradoiro a artista pontevedresa Nuria Figueiredo, licenciada en Belas Artes pola Universidade do País Vasco. E con estudos en Cerámica Artística na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo. Ademais de impartir obradoiros, como artista traballa nos campos da cerámica e da ilustración. En 2020 foi unha das gañadoras do certame Novos Valores.