O xurado de #FotoÁgora, primeiro certame provincial de fotografía sobre o espazo público, analizará 297 imaxes para outorgar ata 40.000 euros en premios
A xornalista gráfica Mónica Patxot, o profesor da UVigo Jorge Lens e representantes da Deputación buscan as 12 fotografías que mellor amosen os principios Agora
01/02/2022
O xurado de #FotoÁgora -certame fotográfico do departamento de Mobilidade e Espazo Público da Deputación de Pontevedra para poñer en valor o espazo público como dereito das persoas a través de imaxes- deberá analizar as 297 fotografías presentadas para repartir ata 40.000 euros en premios.
O tribunal, que se constituíu hoxe, está formado pola presidenta da Deputación –e o deputado Uxío Benítez como suplente-, a xornalista gráfica Mónica Patxot, o profesor da UVigo Jorge Lens, a xefa do servizo de Infraestruturas Carmen Gómez, o asesor en Mobilidade Jesús Fole, e Lucía Pazos –funcionaria do departamento de Mobilidade- como secretaria.
Todos eles deberán analizar as 297 imaxes presentadas por 62 persoas das 95 inicialmente admitidas a concurso. Na reunión mantida esta mañá fíxose unha primeira e rápida visualización dos traballos e salientouse a existencia de pezas de grande calidade, que agora deberán ser estudadas máis en profundidade de maneira individual. Haberá un vindeiro encontro o próximo 15 de febreiro, cando o obxectivo é facer unha primeira peneira entre as fotografías para levar á final só as mellores propostas.
Será a finais de mes cando se anunciarán as imaxes gañadoras do primeiro (6.000€) e segundo premio (4.000) e as que corresponden a cada un dos principios que promulga a Rede Ágora (2.000 € cada unha): O espazo público é un dereito das persoas; As persoas primeiro; Mobilidade inclusiva; Autonomía infantil; Mobilidades alternativas; Espazos seguros; Hábitat saudable; Espazos amables e de calidade; Actividade económica de proximidade; e Mobilidade sustentable. Tamén se seleccionarán outros 20 accésit (500€ cada un). Cabe a posibilidade de que algún dos apartados sexa declarado deserto.
Segundo explicou trala reunión o deputado Uxío Benítez, moi satisfeito da acollida e o resultado da iniciativa, o obxectivo do certame é abordar a importancia e a prioridade das persoas no espazo público dende todas as perspectivas.
Segundo dixo, quérese aproveitar o auxe da fotografía urbana, unha disciplina que concibe á cidade como un ecosistema na que o ser humano se relaciona entre si e coa contorna para acadar recursos gráficos que amosen o modelo Ágora, retratando tanto cuestións positivas, como as persoas facendo uso dos espazos públicos de calidade cando son recuperados para elas fronte á invasión do automóbil, e tamén negativas, denunciando situacións incorrectas.
Un dos poucos requirimentos das bases foi que as imaxes fosen realizadas exclusivamente no espazo público da provincia de Pontevedra, primando a transmisión de valores e da vida na cidade máis que o retrato dunha obra concreta. “Queremos que as imaxes transmitan emocións, a vida da xente, e fuxir da fotografía ‘de arquitectura’”, subliñou o xurado.
Ademais de valorar o ‘sentir’ de cada imaxe no modelo Ágora pola parte técnica das representantes técnicas da Deputación, a calidade das imaxes será estudada por dúas persoas especialistas tanto na teoría como na práctica da fotografía, Jorge Lens e Mónica Patxot.
Lens é licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade Complutense de Madrid e doutor pola Universidade de Vigo, profesor de fotografía na UVigo dende 1997, e en activo na práctica fotográfica cun proxecto de fotografía de rúa sobre as grandes capitais europeas.
Mónica Patxot é xornalista gráfica cunha ampla experiencia profesional. Actualmente exerce no xornal dixital Pontevedra Viva despois dunha traxectoria por distintas cidades españolas en cabeceiras como La Voz de Galicia, Diario 16 e Público.