O pleno do Consorcio Provincial de Emerxencias aproba o primeiro convenio colectivo para os bombeiros: “É un acordo histórico”, afirma o presidente Luis López
O acordo, que tamén inclúe unha nova Relación de Postos de Traballo (RPT), pon fin a un longo conflito laboral ao dar luz verde a ampliación do número de bombeiros, de 73 a 90, e a melloras nas condicións de traballo nos catro parques da provincia: Vilagarcía, Ribadumia, Bueu e O Porriño
26/02/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou un acordo “histórico” pola aprobación do primeiro convenio colectivo para os traballadores do Consorcio Provincial de Pontevedra para a prestación do servizo contra incendios e salvamento, así como unha nova relación de postos de traballo. Un acordo asinado este mércores durante a celebración do pleno do Consorcio Provincial no que participou, ademais do presidente Luis López; o deputado responsable da área de emerxencias, Alejandro Lorenzo; o director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, Santiago Villanueva; o presidente do comité de traballadores do Consorcio, Ángel moldes, e representantes dos bombeiros e dos sindicatos. “Por primeira vez na historia hai un convenio colectivo para os bombeiros do Consorcio Provincial de Pontevedra integrado polos parques de Vilagarcía, Ribadumia, Bueu e O Porriño”, salientou o presidente da Deputación.
O acordo, ao que se chegou despois dun longo tempo de negociacións, frutificou nun convenio que recolle melloras salariais, sociais, de conciliación e de formación. Ademais, inclúe a ampliación do plantel de bombeiros dos parques provinciais, que pasa de 73 a 90 efectivos. Un incremento de profesionais recollido nunha nova RPT (relación de postos de traballo) que define as funcións de todos os postos de traballo, así como un novo organigrama. Un avance que se suma tamén ao proceso de modernización de equipamentos que está a poñer en marcha a Deputación coa adquisición de nova maquinaria para os parques provinciais.
Trátase dun acordo que pon fin a un conflito laboral arrastrado desde hai anos. “Vimos dunhas negociacións que se alongaron moitos anos. As posturas estaban moi afastadas, pero o talante de todas as partes rebaixou a tensión e hoxe ponse fin a todo iso. Foi un proceso que se levou con total discreción, o que foi importante para chegar ao punto de hoxe”, valorou o mandatario provincial ao remate do pleno.
Neste punto, o presidente Luis López quixo recoñecer o importante labor que desempeñaron todas as partes implicadas na negociación. Despois de felicitar aos representantes sindicais pola vontade para atopar puntos en común; á Xunta, “aliado necesario e imprescindible”, por ir da man da Deputación e polo cofinanciamento do servizo; e aos profesionais por “non baixar os brazos” durante a negociación; o presidente quixo enxalzar o papel do deputado responsable de Emerxencias, Alejandro Lorenzo. “É o verdadeiro artífice, nesas 32 reunións nas que participou mostrou o seu carácter e talante para negociar, comprender e reflectir todos os acordos que hoxe son unha realidade”, afirmou López, quen tamén tivo palabras de recoñecemento para o papel desempeñado polo antecesor de Lorenzo, José López, actual conselleiro de Cultura, Xuventude e Lingua.
Un acordo “histórico” que demostra a importancia da colaboración entre institucións. “Isto é o que ten que ser, administracións que chegan a acordos cos axentes sociais e sindicatos en beneficio dun colectivo e da comunidade”, concluíu o presidente da Deputación.