O Museo inicia unha nova edición de EmprazArte con música e actuacións na praza do Edificio Castelao

A intérprete asturiana Marisa Valle Roso, colaboradora de Víctor Manuel, actúa este venres ás 21 horas

26/07/2022

Cartel EmprazArte  

O Museo de Pontevedra vai desenvolver dende este venres ata mediados de setembro unha nova edición de EmprazArte, unha iniciativa cultural que naceu o verán pasado cunha oferta para todos os públicos - música actual as noite dos venres con actuacións para público infantil os sábados de mañá- para encher de vida a praza que dá acceso ao Edificio Castelao.

Este ano as e os protagonistas de EmprazArte serán Marisa Valle Roso este venres 29 de xullo (21.00h); Títeres na túa casa, cun espectáculo dedicado a Laxeiro o sábado 30 de xullo (12.30h); Mundo Chillón o venres 16 de setembro (21.00h) e Magín Blanco o sábado 17 de setembro(12.30h).

Nesta fin de semana a primeira actuación na praza do Edificio Castelao do Museo será a da autora e intérprete Marisa Valle Roso, que leva o folclore astur a outro nivel. En 2014 o cantautor Víctor Manuel interésase por ela e lévaa na súa xira «50 anos é nada» xunto con outros amigos como Silvia Pérez Cruz, Jorge Drexler, Joaquín Sabina, Estopa ou Andrés Suárez.

No 2017 no seu disco 'Consciente' evoluciona cara outros folclores, xéneros e estilos contando coa colaboración artística e compositora de Víctor Manuel, quen compuxo unha canción inédita para ela, e Rozalén. Este traballo recibiu o «Premio AMAS» no apartado «Mellor Canción Folk» polo tema «Cómplices».

Neste 2022 lanza o seu primeiro disco como compositora, 'O Fugaz', no que explora o folclore e fai confluír con atmosferas electrónicas e tinguiduras pop, que dan como resultado un traballo contemporáneo e ao mesmo tempo emanado da raíz.

Xa o sábado 30 ás 12.30 horas será a quenda do público infantil co espectáculo 'Unha noite con Laxeiro', unha peza de monicreques producida por por 'Títeres Natuacasa' que nace como homenaxe á vida e a obra de Laxeiro. Nela, o rico universo de Laxeiro cobra vida para explicarse a si mesmo a través da mirada infantil, nun evento divertido no que todos os elementos están baseados en diferentes cadros do pintor.

A sinopse da obra conta que cando Pepiño vai durmir ao seu cuarto comeza unha viaxe onírica, atravesa a Porta do Trasmundo, e muda nun personaxe dun cadro de Laxeiro atopándose con outros personaxes de Laxeiro que o guiarán por diversas aventuras ata atopar o camiño de volta á realidade.

Actividades no mes de setembro

Xa no vindeiro mes de setembro a primeira actuación será o venres 16, cun concerto de Mundo Chillón Power Dúo, unha agrupación con moita personalidade que se define como "unha caricatura da realidade que mostra máis que a propia realidade. É un mundo con referencias ao esperpento de Valle Inclán e ao humor absurdo de Azcona e José Luís Cuerda, unha parodia do elegante. Son estilos musicais de toda a vida que as modas ignoraron e puntos de vista que o pensamento único arrincona. As súas influencias van desde Kiko Veleno ou George Brassens a Goran Bregovich, Kevin Johansen, Bersuit Bergarabat e o Selu de Cadiz". Tátase dun espectáculo contraditorio e sorprendente, "ás veces áspero e con estrías, non apto para o que espere que lle sirvan todo predixerido, plastificado e cunha soa interpretación posible".

Ao día seguinte terá lugar a actuación de Magín Blanco, un dos máis coñecidos creadores de propostas escénicas para público familiar no panorama actual galego. Creador de A nena e o grilo (OQO 2011), A nena e o grilo nun barquiño (Fol música 2013) e outras composicións que forman parte de edicións como María Fumaça (Ed. Galaxia 2012), Rosalía Pequeniña (Ed. Galaxia 2013), Canta o Cuco, con Uxia Senlle (Ed. Galaxia 2014) e Gatuxo (Ed. Fol música 2015), Camiños (Ed. Fol música, 2017).

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 10 resultados.