O Museo de Pontevedra acolle este mércores o espectáculo “Ultraluz”, coa poesía de Ledicia Costas e a música de Amaro Ferreiro

Esta experiencia artística única onde conviven a palabra, a música e a luz terá lugar no Auditorio do Edificio Castelao a partir das 19:00 horas

19/12/2023

O Museo de Pontevedra acolle este mércores o espectáculo “Ultraluz”, coa poesía de Ledicia Costas e a música de Amaro Ferreiro. Esta experiencia artística única, que parte do poemario “Ultraluz” co que a escritora gañou en 2022 o XX Premio de Poesía Afundación e na que conviven a palabra, a música e luz, terá lugar ás 19:00 horas no Auditorio do Edificio Castelao e contará coa presenza da vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias.

Ledicia Costas e Amaro Ferreiro, compositor e creador de proxección global, estableceron un diálogo arredor do poemario “Ultraluz” que os levou a experimentar para buscar novas posibilidades. Deste xeito, xuntos crearon unha viaxe sensorial máxica, un espectáculo delicado, sorprendente e memorable con ambientes e texturas electrónicas, piano e guitarra eléctrica, para converter os poemas nun experimento de spoken word e música atmosférica.

O espectáculo “Ultraluz” que acollerá este mércores o Museo de Pontevedra non se trata, tal e como afirman Costas e Ferreiro, dun recital de poesía, nin dun concerto ou dunha performance, senón da adaptación do libro ao escenario nun xeito diferente de contar a historia, convertendo a obra nunha nova expresión artística chea de palabra, música e luz.