O Museo celebra a quinta Semana Lorquiana cun concerto ilustrado, unha andaina pola cidade e visitas escolares

O concerto celebrarase o mércores 15 de novembro, ás 19:00 horas, e a camiñada o sábado 18, ás 12:00 horas, ambas actividades dirixidas ao público adulto

08/11/2023

Semana Lorquiana

O Museo de Pontevedra celebra, por quinto ano, a Semana Lorquiana, un conxunto de actividades dedicado a lembrar as visitas de Federico García Lorca á cidade. A próxima semana, do 14 ao 18 de novembro, o Museo acollerá visitas de contacontos concertadas con centros escolares e dúas actividades dirixidas a público adulto: un concerto ilustrado e unha camiñada lorquiana pola cidade.

O mércores 15 de novembro, ás 19:00 horas, no Edificio Castelao, terá lugar o concerto ilustrado Federico García Lorca, poeta galego. Trátase dun espectáculo dirixido ao público adulto no que, a través da narración, a música e a ilustración, se fai un percorrido pola obra e a estadía galega de Federico García Lorca.  A actuación corre a cargo de Marcelo Dobode, Víctor Movilla, Tania Solla, Antón Ke e Polo Correo do Vento.

O sábado 18 de novembro farase unha andaina pola cidade,  co título “Federico Garíca Lorca en Pontevedra”. Está dirixida a público adulto e terá a saída ás 12:00 horas desde o Edificio Castelao. Para participar é preciso inscribirse en polocorreodovento@hotmail.com.

Ademais, do 14 ao 17 de novembro, realizaranse sesións orais para escolares de centros de Pontevedra con narracións para público infantil nas que se relaciona a presenza de García Lorca cos fondos do Museo de Pontevedra. Toda a programación da Semana Lorquiana está a cargo da empresa cultural Polo Correo do Vento.

Lorca en Pontevedra

A relación de Federico García Lorca con Galicia levouno a definirse como “poeta galego” e escribir na nosa lingua os seus Seis poemas  galegos. Visitou Galicia en tres ocasións, dúas delas en 1932 e en ambas pasou por Pontevedra. A primeira foi en agosto á fronte do grupo teatral La Barraca. A segunda foi en novembro, cos responsables da revista Cristal como anfitrións. En Pontevedra escribiu un fermoso soneto iniciado co verso “Yo sé que mi perfil será tranquilo”, que viu a luz publicado no número 6 desa revista.