O I Programa de Crecemento Empresarial da Deputación xa está en marcha con oito empresas participantes
O programa, en colaboración coa Fundación Roberto Rivas, estenderase ata o 1 de decembro no Viveiro de Lalín e permitirá ás persoas emprendedoras consolidar os seus proxectos empresariais
11/10/2022
O I Programa de Crecemento Empresarial que impulsa a Deputación de Pontevedra a través de SmartPeme en colaboración coa Fundación Roberto Rivas xa está en marcha no Viveiro de Empresas de Lalín. A través desta iniciativa, na que están a participar seis empresas de Lalín, unha da Estrada e outra da Guarda, as persoas emprendedoras recibirán formación específica para consolidar, reorientar ou lanzar os seus proxectos empresariais nos mercados. Ao remate do programa, as persoas participantes poderán optar a tres premios ás mellores iniciativas con impacto no rural (1.500 €), de colaboración entre participantes (1.000 €) ou de crecemento (1.000€)
Son seis as empresas de Lalín seleccionadas para participar no programa. “Emprendemento con Drons”, que lanza Carlos Taboada, trátase dun proxecto que pretende ofrecer á sociedade servizos fotográficos e audiovisuais realizados con drons. “Mundo Namaskar”, de Cristina Barreiro, é a fusión de dous proxectos relacionados coa vida saudable. Pola súa banda “Zenlea”, que lanza María Dolores Pascual, pretende crear e consolidar unha escola de Zentangle, un método de debuxo que axuda á relaxación. “Toupiña, cerveza ecolóxica e artesá galega”, de María Elena Díaz, trátase dunha cervexería que elabora e transforma produtos agrarios. “Educalecrín”, que lanza Verónica Ledo, trátase dunha cooperativa formada por persoas con intereses e formación no campo social e medioambiental que pretende evolucionar como sociedade e crear un impacto positivo na mesma. Finalmente “Penart.es”, de Rubén Álvarez, elabora ilustracións en tinta china e noutras técnicas a través de fotografías.
Xunto ás seis empresas lalinenses atópanse outras dúas da Estrada e da Guarda. “Parque de Aromas Maruxío”, de María Rivas (A Estrada), pretende crear unha iniciativa turística relacionada co turismo de experiencias e baseada no agroturismo e recuperación de plantas aromáticas, culinarias e medicinais. Pola súa banda “Administrativos Online”, de María Inmaculada González (A Guarda), ten por obxectivo dar apoio a persoas autónomas e pemes achegando a experiencia de persoas administrativas en diferentes sectores e departamentos.
O I Programa de Crecemento Empresarial estenderase ata o 1 de decembro no Viveiro de Empresas de Lalín, onde se está xa a ofrecer ás persoas emprendedoras apoio e asistencia en temáticas relacionadas co crecemento empresarial. Así, as oito iniciativas emprendedoras afondarán no desenvolvemento de modelos de negocio e plans de empresa, cultura sostible e responsabilidade social, mercados e competencia, produtos mínimos viables, deseño e creación de imaxes para preimpresión e medios dixitais, plan de marketing, Lego Serious Play, ferramentas de Google para axudar nos negocios, outdoor training, ferramentas de deseño para redes sociais, finanzas, deseño de presentacións eficaces e aspectos xurídicos e fiscais básicos.