O Ciclo Mestre Mateo leva este venres 29 ao concello do Grove a proxección do filme “No somos nada”

O pase do documental, dirixido polo realizador Javier Corcuera, terá lugar ás 20:00 horas na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey

27/09/2023

A Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey do Grove acollerá este venres 29 de setembro a proxección do filme No somos nada, do realizador Javier Corcuera, no marco da segunda edición do Ciclo Mestre Mateo que promoven a Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. O pase da película terá lugar ás 20:00 horas.

O filme revive a historia do grupo de música vasco La Polla Records a partir do anuncio dunha xira de despedida, tras anos de silencio, por parte do seu vocalista, Evaristo Páramos. Entre material de arquivo e moita animación, o cantante fai memoria dos 40 anos de traxectoria musical da banda, que arrancaron nun bar da aldea de Agurain. O seu relato mestúrase con cancións, fotografías, fragmentos de animación e vellos vídeos da banda. A longametraxe, estreada no Festival de Cine de San Sebastián, foi finalista nos Premios Mestre Mateo e acadou o Premio do Público no Festival In-Edit de Barcelona.

Ademais do Grove, os outros concellos nos que recala nesta segunda edición o Ciclo Mestre Mateo son os de Baiona, A Guarda, A Estrada e Caldas de Reis. Estes municipios exhibirán ata novembro unha programación que inclúe María Casares, a muller que viviu mil vidas; Unicorn Wars e O corpo aberto, recoñecidas respectivamente como mellor documental, mellor longametraxe de animación e mellor longametraxe na última edición dos Mestre Mateo, do pasado 11 de marzo.

O resto de títulos do programa son os documentais Onde máis doe (Manane Rodríguez, 2o22), estreado no OUFF-Ourense Film Festival; A Foreign Song, (César Souto, 2022), gañadora dos premios á Mellor longametraxe española e Mellor dirección española no pasado Festival Internacional de Cine de Xixón; a cinta de animación Valentina (Chelo Loureiro, 2022), gañadora do Goya á mellor longametraxe de animación na XXXVI edición dos premios da Academia Española; e as longametraxes Live is Life, de Dani de la Torre e con guión de Albert Espinosa, e Código Emperador (Jorge Coira, 2022), estreada no XXIV Festival de Málaga.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 15 resultados.