O ciclo “Cinema Mulleres”, que organizan a Deputación e o consulado de Arxentina, visibiliza a desigualdade de xénero no cinema
Carmela Silva: “A novidade deste ano é que haberá proxeccións non só no MARCO, senón tamén en Bos Aires, polo que compartiremos dende ambos lados do Atlántico unha forte aposta polas mulleres que contan historias de mulleres”
28/10/2022
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao cónsul da Arxentina en Vigo, Horacio Martín, e a coordinadora do programa “Gafas violetas”, Lorena Damonte, veñen de inaugurar no MARCO de Vigo a segunda edición do ciclo “Cinema Mulleres”, co que a institución provincial e o consulado poñen o acento no audiovisual feminista para construír coñecemento compartido e fomentar pensamento crítico sobre a desigualdade de xénero no cinema. O ciclo, que contará con proxeccións audiovisuais no MARCO de Vigo e no Centro Cultural 25 de Maio de Bos Aires, arrancou esta tarde cun coloquio no museo vigués no que participaron directoras, produtoras, programadoras e actrices galegas e arxentinas para reivindicar e visibilizar o papel da muller na produción audiovisual.
“Queremos poñer en coñecemento da sociedade o pensamento crítico sobre a desigualdade de xénero no cinema”, afirmou Carmela Silva. “Directoras galegas e arxentinas van dialogar e compartir o seu pensamento sobre a situación das mulleres no cinema, pero tamén os seus fantásticos proxectos”. “Pretendemos que a sociedade coñeza todo o que están construíndo dende o audiovisual estas mulleres inmensas”. Ademais, a presidenta destacou a novidade desta segunda edición “con proxeccións non só no MARCO, senón tamén en Bos Aires, polo que ambos lados do Atlántico compartiremos unha forte aposta polas mulleres que contan historias de mulleres”.
Pola súa banda o cónsul da Arxentina en Vigo, Horacio Martín, fixo fincapé na vontade de “Cinema Mulleres” de “visibilizar o traballo das mulleres do audiovisual pero tamén de xerar espazos de reflexión, de escoita, de toma de conciencia, de empoderamento e transformación das realidades que atravesan as mulleres”. Destacou a importancia de facelo a través do cinema, “unha ferramenta poderosa para a reflexión e transformación social”, e de “sinerxias creativas” entre institucións. Sobre as películas que se van proxectar, o cónsul subliñou a súa “extraordinaria calidade artística” e a “profundidade das temáticas abordadas”.
Lorena Damonte, coordinadora do programa “Gafas violetas”, iniciativa enmarcada na Subxerencia de Desenvolvemento Federal do Instituto Nacional de Cinema e Artes Audiovisuais da Arxentina dende o que se está a achegar formación continua en xénero e linguaxe audiovisual, remarcou a “importancia destas alianzas estratéxicas entre países, para fortalecer a difusión das cinematografías realizadas por mulleres e a abordaxe de temáticas de xénero artellando as ferramentas culturais coas que conta cada país e institución”.
O coloquio co que arrancou esta tarde o programa “Cinema Mulleres”, moderado pola xornalista Diana López, directora da curta “Feminazi”, que se proxectará durante o ciclo, contou coa participación de Lorena Damonte; Manane Rodríguez, directora de “Onde máis doe”; Carmen Granxeiro, directora de “Benvidas ao Club”; Nati Juncal, produtora executiva de “A poeta analfabeta”; e Alexandra Vázquez, actriz de “As mulleres salvaxes”. Tamén, vía Zoom, sumáronse Carolina Zarzoso, programadora do Centro Cultural 25 de Maio de Bos Aires; Malena Chabrol, directora de “La cuarta ola”, e Ines Barrionuevo, directora de “Las motitos”. Todas elas centráronse nas desigualdades que as mulleres do cinema sofren e que adoitan reflectir nas súas producións. Tamén fixeron fincapé en que, a pesar da infrarrepresentación das mulleres no sector, son moitas as que empregan esta disciplina artística como ferramenta de cambio social, como vehículo para contar as historias das mulleres, moitas veces silenciadas, invisibilizadas, obviadas e mesmo censuradas.
Calendario das proxeccións
Tralo coloquio chegarán as proxeccións abertas ao público das sete curtas e longametraxes asinadas por mulleres galegas e arxentinas. Espallaranse entre o 8 e o 24 de novembro e terán lugar no MARCO de Vigo e no Centro Cultural 25 de Maio en Bos Aires. Comezarán o 8 de novembro a partir das 18.30 no MARCO con “Onde máis doe”, unha longametraxe galega dirixida por Manane Rodríguez na que se reflexiona sobre o “síndrome de Medea”, e coa curta arxentina “La cuarta ola”, de Elena Jayat e Malena Chabrol, na que se visualiza o papel da Arxentina na revolución feminista.
O 17 de novembro, tamén no MARCO e a partir das 18.30 horas, verase a longametraxe arxentina “Las motitos”, de Inés Barrionuevo e Gabriela Vida, centrada na adolescente Juliana que quere abortar, e a curta galega “Benvidas ao club”, de Carmen P. Granxeiro, que afonda na viaxe ao inferno que viven as mulleres vítimas da corrupción e da violencia.
O 24 de novembro “Cinema Mulleres” cruzará o Atlántico para desprazarse ata o Centro Cultural 25 de Maio de Bos Aires onde se proxectará a curta galega “Feminazi” de Diana López, que presenta de forma paródica a concepción absurda e ridícula do feminismo por parte de moitos homes; a curta “As mulleres salvaxes”, de Eire García, que comeza con cinco amigas nunha festa de disfraces; e a longametraxe “A poeta analfabeta”, da galega Sonia Méndez, que relata a vida de Luz Fandiño, poeta, activista, feminista, nacionalista e revolucionaria.