Areeiro convértese en laboratorio oficial para detectar as pragas corentenais fitosanitarias en Portugal
O centro de investigación da Deputación de Pontevedra racha fronteiras e alertará sobre os patóxenos vexetais regulados pola Unión Europea en todo o territorio luso
04/07/2022
O prestixio da Estación Fitopatolóxica Areeiro, referencia para a sanidade vexetal en Galicia, rachou fronteiras chegando ata Portugal. A partir de agora o centro científico dependente da Deputación de Pontevedra convértese en laboratorio oficial de detección de pragas corentenais, é dicir, reguladas pola Unión Europea, en todo o territorio luso. Así queda establecido no convenio que a entidade provincial vén de asinar coa Direcão Geral de Alimentação e Veterinária do Goberno de Portugal.
O convenio entre a Deputación e o Goberno portugués terá vixencia ata finais deste ano, con posibilidade de sucesivas prórrogas. Deste xeito Areeiro asume a responsabilidade de detectar e certificar a entrada das pragas non presentes na Unión Europea e que obrigan a medidas específicas para a súa erradicación. Este acordo internacional é posible porque o artigo 37 do Regulamento 2017/625 do Parlamento e do Consello “relativo a controis para garantir a aplicación da lexislación sobre alimentos e pensos, de normas de saúde e benestar dos animais, de sanidade vexetal e de produtos fitosanitarios”, autoriza aos estados membros da Unión a designar como laboratorio oficial aos que estean situados fóra do seu territorio e noutro estado membro. O acordo xurdiu a raíz do interese da Direção Geral De Alimentação e Veterinária para que o centro de investigación en materia de sanidade vexetal da Deputación lle prestase os servizos fitopatolóxicos para as análises especializadas necesarias para o desenvolvemento do seu programa nacional de Prospección Fitosanitaria. A raíz disto estableceuse un protocolo para a recollida das mostras en orixe, manipulación, envío, recepción e tratamento para a detección e identificación de organismos nocivos de corentena de material vexetal.
Está previsto que de aquí ao remate do ano se realicen un total de 653 análises para a detección de diferentes organismos causantes das pragas corentenais. O procesamento das mostras por parte da Estación Fitopatolóxica realizarase no marco dos métodos analíticos recollidos na lexislación específica da Unión Europea, os procedementos específicos da Organización Europea e Mediterránea de Protección das Plantas (OEPP) ou, para o caso da súa falta, por procedementos internos da finca Areeiro, sempre que así se acorde previamente coas autoridades portuguesas.
Analíticas para os axentes causantes de 19 pragas
As primeiras mostras chegaron esta semana e proceden das cinco direccións rexionais de Agricultura e Pesca de Portugal. De acordo co convenio, a finca Areeiro será a encargada de detectar as pragas reguladas e de obrigada declaración pola normativa comunitaria. A este respecto, a Comisión Europea ten publicada unha listaxe das pragas que obrigan ao establecemento de medidas corentenais a partir da avaliación do Centro Común de Investigación da Comisión e da Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria, tendo en conta as probabilidades de propagación e as súas posibles consecuencias. A listaxe recolle tamén as observacións de expertos/as e as suxestións cidadás realizadas a través do portal web “Lexislar mellor”. A Estación Fitopatolóxica Areeiro ocuparase das analíticas das 19 pragas que preocupan ás autoridades portuguesas e que están causadas por artrópodos, principalmente insectos, pero tamén por fungos, fitoplasmas, virus e bacterias. Estes patóxenos afectan á saúde de nogueiras, vide, tomate, cerdeiras, coníferas, cítricos, pataca, gramíneas, moreiras, maceiras, rosáceas, plantas ornamentais e froiteiras en xeral.
A Estación Fitopatolóxica Areeiro é un centro de referencia dedicado á investigación e ao diagnóstico en materia fitosanitaria forestal e agraria. Ao tempo traballa na introdución e conservación de especies froiteiras e ornamentais, así como na área de análise edafolóxica (do solo) de cara á mellora da fertilización. Nos seus laboratorios hai especialistas en entomoloxía, acaroloxía, nematoloxía, bacterioloxía, viroloxía e patoloxía.