O IDAE volve apostar pola Deputación para espallar as enerxías limpas na provincia cunha nova achega para instalacións aerotérmicas en Catoira e As Neves

Carmela Silva: “Seguen chegando recursos do Estado á provincia, Aínda que algúns son capaces de negar que chove seguen chegando recursos do Estado á provincia”

30/10/2022

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra confirmou unha axuda concedida polo Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía de España (IDAE) de 102.821 euros de fondos europeos que servirá para que As Neves e Catoira conten con novas instalacións para uso térmico en infraestruturas municipais. Tras os proxectos da Administración provincial en materia de iluminación sostible ou biomasa, o IDAE apoia agora por vez primeira un proxecto no eido da aerotermia no marco da convocatoria de axudas para inversión a proxectos singulares locais de enerxía limpa en municipios de reto demográfico (DUS 5000), convocadas ao abeiro do Plan de Recuperación. O IDAE financia con esta achega o 85% das actuacións, que consistirán na substitución dos acumuladores eléctricos existentes por caldeiras de aerotermia, mentres que o 15% restante (18.146 euros) repártese a partes iguais entre a Deputación e os concellos nos que se realizan as actuacións.

Esta nova axuda é unha proba máis, segundo a presidenta da Deputación, Carmela Silva, de que “seguen chegando recursos do Estado á provincia, aínda que algúns son capaces de negar que chove –asegurou-. E aquí están chovendo centos de miles de euros a través dos fondos europeos”.

En canto as actuacións que se levarán a cabo, nas Neves, que recibe unha axuda de 55.782 euros, actuarase nos edificios da Escola Unitaria e da Escola Infantil de Dimo. A actuación servirá para reducir as emisións en case un 57% ao pasar de 42 a 18 kgCO2/m2 ao ano, o que fará que a cualificación enerxética pase de E a B en ambos edificios. Por outra banda, en Catoira a axuda de 47.039 euros servirá para actuar nos edificios do Concello e do Centro Cultural. No primeiro caso, as emisións reduciranse nun 55%, pasando de 32,9 a 14,8 kgCO2/m2 ao ano e a cualificación enerxética pasará da categoría C a B. No que atinxe ao Centro Cultural, as emisións pasarán de 36,1 a 15,7 kgCO2/m2 ao ano, unha redución de máis do 56%, o que fará que a cualificación enerxética pase de C a A. Ademais, todas as actuacións se reformará a instalación hidráulica e eléctrica existente e se incorporarán elementos terminais e distribución interior. Estas novas intervencións demostran a “aposta moi clara polo medio ambiente” que se está a levar a cabo dende a Deputación de Pontevedra.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 13 resultados.