“Os museos provinciais pertencen a unha administración que non está de moda, pero o de Pontevedra ten coherencia territorial”

O investigador Luis Grau definiu os retos futuros das pinacotecas provinciais: “non competir” co resto de museos, asesorar aos centros pequenos e potenciar a investigación

21/04/2023

Seminario Museos Provinciais

O Museo de Pontevedra acolleu hoxe o seminario ‘Museos Provinciais. Á procura dun relato común’ no que se desenvolveu un amplo debate sobre a vixencia destas institucións e o lugar que ocupan no sistema museístico galego e estatal. Falouse de retos compartidos, das implicacións da dimensión provincial como ámbito de actuación,  da función investigadora e da necesidade de non competir con outras tipoloxías de museos e de asesorar e servir a outros centros de rango local.

O responsable do Museo de Pontevedra Xosé Manuel Rey, anfitrión de moitas persoas representantes de museos de toda España destacou que a institución pontevedresa está a enfrontarse a un proceso do crecemento que obriga a repensar tamén “o museo que queremos para o futuro”. Ese proceso, dixo, coincide con cambios globais que se están producindo no ámbito xeral dos museos, entre eles a propia definición de museo aportada recentemente polo ICOM, polo que a organización do seminario celebrado hoxe “era necesario e interesante para todas”.

A conferencia máis salientable da xornada correu a cargo dunha das persoas que máis ten estudado as particularidades das institucións provinciais a nivel estatal, que foi colaborador na configuración do programa final das xornadas de hoxe e tamén é responsable do Museo de León-, Luis Grau. A súa intervención, rotundamente clarificadora, cualificou os museos provinciais como  “convidados extravagantes” porque “son antigos e están ben nutridos de fondos”, polo que no panorama dos museos actuais constitúen “unha auténtica rareza”. 

Destacou que deben reinventarse tanto pola diversidade de museos existente como porque as provincias, nas que tiveron orixe, tampouco teñen o sentido que tiveron. “As provincias foron un invento decimonónico que funcionou ata finais do franquismo con autonomía administrativa importante, pero que nestes momentos están superadas polo estado autonómico. Os museos provinciais pertencen a unha administración que non está de moda”, sentenzou.

Un dos retos que os museos provinciais deben acadar cara o futuro, explicou, é que non deben buscar competir coa súa contorna, e outro –dixo- é que non só teñen que expoñer permanentemente, senón tamén facer cousas non se vén cara o público como redistribuír patrimonio ou asesorar: “saír dos seus muros e lanzarse ás provincias a servir, a poñerse ao servizo da museística provincial que o necesita”.

En canto á función investigadora, destacou que haina que desenvolver máis, e tamén guiando a museos locais, facilitando e orientando tarefas que en moitos casos “os pequenos” non poden facer. “Sen investigación non existen os museos, iso está claro, son meras salas de exposicións. A exposición pura e dura convirte aos museos en salas nas que non se conta nada novo”, dixo, para destacar que os museos non poden vivir illados da súa contorna e dos centros de ensino (como os de Belas Artes ou Restauración). “Hai que saír das salas de exposición para volver mellores”, insistiu.

No caso do Museo de Pontevedra Grau sinalou que, a diferencia dos outros museos provinciais no estado, cuxa maioría teñen orixe no século XIX, é bastante novo e ten unha particularidade fundamental: que pertence á Deputación de Pontevedra, algo que non é habitual. “Iso dálle moita coherencia porque o resto dos museos, como o que dirixo en León, é provincial, pero de titularidade estatal e xestionado pola comunidade autónoma, o que quere dicir que está en mans de dúas administracións que non teñen nada que ver coa provincia, algo que crea desaxustes. Sen embargo o Museo de Pontevedra harmoniza a súa competencia territorial coa administración que o leva”. Por outra banda, destaco que  “é un museo fantástico, grande, sólido, cunha traxectoria exemplar en moitos casos, (...) seguramente un dos mellores museos provinciais de España, aínda que non me fío moito das listas”.

 Na xornada participaron, ademais do director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey, e do Museo de León  Luis Grau, representantes do Provincial de Lugo, o Provincial de Ourense, da asociación Amigos dos Museos de Galicia,  , do Museo de Cádiz, do ICOM España, do Museo Arqueolóxico e Etnolóxico de Granada,  do Museo de Teruel, do Museo Nacional del Prado, e do Museo Nacional e Centro de Investigación de Altamira. A xornada pecharase cun coloquio no que participarán as e os poñentes da sesión da tarde.

Galerias de imagenes