A vixencia dos museos provinciais, a súa función investigadora e o papel que xogan na actualidade, a debate no Museo de Pontevedra
O venres 21 de abril celébrase o seminario ‘Museos provinciais. Á procura dun relato común’
10/04/2023
O Museo de Pontevedra celebra o próximo venres 21 de abril, en colaboración coa Rede Museística Provincial de Lugo, o seminario ‘Museos provinciais. Á procura dun relato común’. Nunha sesión de mañá e outra de tarde analizarase o devir histórico e as perspectivas de futuro dos museos provinciais, con atención especial aos galegos, pero con importantes contribucións de institucións análogas doutras provincias. O acceso será libre, pero as persoas que queiran obter un certificado de asistencia deberán inscribirse ata o xoves 20 de abril escribindo a reservas.museo@depo.gal.
O seminario propón unha discusión sobre a vixencia destas institucións e do lugar que ocupan no sistema museístico galego e estatal. A pesar das particularidades de cada museo pola diversidade das coleccións que custodian e os diferentes modelos administrativos aos que responden, teñen uns desafíos compartidos. O debate xirará arredor das implicacións do ámbito provincial, das narrativas que se poden construír a partir das coleccións destes museos e de como cumprir coa función investigadora atendendo á súa singularidade.
A sesión de mañá centrarase na orixe dos museos provinciais, deténdose especialmente nos galegos. Arrancará cunha presentación de casos na que participarán o director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey; a directora do Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro; o director do Arqueolóxico Provincial de Ourense, Xulio Rodríguez; e o museólogo Felipe-Senén López, que foi director do Museo Arqueolóxico da Coruña entre 1975 e 1996 e actualmente preside Amigos dos Museos de Galicia.
O director do Museo de León, Luis Grau, pronunciará a conferencia ‘Museos provinciais: o convidado extravagante’, na que se preguntará, entre outras cousas, que distingue hoxe en día a estas institucións, cantas das súas vellas aspiracións seguen vixentes e en que medida os museos provinciais seguen a ser necesarios.
O museólogo e historiador Felipe Arias, que dirixiu o Museo Provincial de Lugo entre 1974 e 1984 e o do Castro de Viladonga entre 1983 e 2014, e que entre 2005 e 2009 foi director xeral de Patrimonio Cultural na Xunta de Galicia, pronunciará a conferencia ‘Os museos provinciais no sistema museístico galego’, na que revisará as características deste tipo de institucións, como se foron establecendo ao longo do tempo as relacións entre os diferentes museos e o papel que xoga a Administración competente nesta área. A sesión matinal concluirá cun coloquio.
A tarde estará dedicada a presentar as particularidades dos museos provinciais en función do territorio no que se sitúan e das características das coleccións que conservan. Arredor das narrativas museísticas do territorio intervirán Susana Soto, directora do San Telmo Museoa, de Donostia-San Sebastián; María Auxiliadora Llamas, conservadora do Museo de Cádiz e presidenta de ICOM España; e Manuel Ramos, director do Museo Arqueológico y Etnológico de Granada.
Sobre a museoloxía e a investigación desenvolvida desde os museos provinciais falarán Jaime Vicente, director do Museo de Teruel, Virginia Garde, coordinadora xeral de Desenvolvemento de Públicos e Seguridade do Museo Nacional del Prado; e Pilar Fatás, directora do Museo Nacional y Centro de Investigación de Altamira. A xornada pecharase cun coloquio no que participarán as e os poñentes da sesión da tarde.