Unha exposición no Museo cun cento de pinturas, esculturas e instalacións de Cristóbal Gabarrón mostrarán a influencia de Galicia na súa obra

‘Gabarrón atlántico. Ronsel de saudade’ inaugurarase o xoves 16 de marzo ás 18.30 horas e poderá visitarse ata o 14 de maio.

13/03/2023

Previa Exposición Gabarron Atlántico

O escultor e pintor Cristóbal Gabarrón ten un vínculo estreito con Galicia, onde desde finais dos 90 pasa longas tempadas na súa casa e estudio en Bueu. Esta terra e, sobre todo, o océano Atlántico deixan unha pegada directa na súa obra. Agora o Museo de Pontevedra, baixo o comisariado de Antón Castro, reúne un centro de creacións de Gabarrón nas que se pode seguir o vínculo e influencia de Galicia no seu traballo, na exposición ‘Gabarrón atlántico. Ronsel de saudade’.

A exposición inaugúrase este xoves 16 de marzo ás 18.30 horas no Edificio Castelao do Museo e poderá visitarse ata o 14 de maio. As arredor de cen pezas que a conforman, entre pinturas, esculturas e instalacións, sitúanse na sala de exposicións temporais e tamén no exterior do Museo.

Con esta mostra que estes días ultima a súa montaxe, reúnense por primeira vez as pezas de Cristóbal Gabarrón vinculadas con Galicia. Nela poderase gozar da diversidade de linguaxes, materiais e formatos cos que traballa o creador murciano. A obra presente mostra a influencia da cultura, da paisaxe, da luz e da orografía da costa atlántica, e tamén da tradición da pedra desde os puntos de vista da etnografía, a antropoloxía e a identidade.  

Cristóbal Gabarrón naceu en Mula (Murcia) en 1945, pero aos 6 anos trasladouse a Valladolid, onde adquiriu a súa primeira formación. A súa creación reflicte o seu carácter nómade, que o levou a viaxar por múltiples países e a ter a súa residencia principal en Nova York. Na actualidade desenvolve o seu traballo entre Estados Unidos e España.

A  súa obra defínese como “antropocéntrica”, situando o individuo, a conciencia  e os valores humanos como piares nos que se asenta. Con ese espírito realizou desde a década de 1980 importantes traballos para o olimpismo e organizacións internacionais como a ONU e o IOC. As súas esculturas para o espazo público atópanse en lugares relevantes de grandes cidades europeas e estadounidenses. E importantes institucións museísticas como o Chelsea Art Museum, o IVAM ou o Centro Niemeyer dedicáronlle retrospectivas.

Sobre as súas creacións, sinala Cristóbal Gabarrón: “nunca fun moi partidario de revelar o contido dunha obra, é como contar o final dunha película. Estou máis a favor de motivar a creatividade, de converter cada obra nunha ferramenta suxestiva que esperte a imaxinación e a capacidade de construír relatos propios de realidade ou ficción, asociados a situacións incluso persoais”.

Galerias de imagenes