O Museo de Pontevedra abre o prazo para participar en Novos Valores 2023, o certame provincial que busca promover artistas noveis

Seleccionaranse un máximo de 25 pezas e as catro mellores serán premiadas con catro bolsas de 7.500 euros para que as persoas autoras amplíen a súa formación artística

09/05/2023

Museo Novos Valores 2023

O Museo de Pontevedra vén de convocar unha nova edición do Certame de Artes Plásticas Novos Valores destinado a promover a formación de artistas noveis. O Boletín Oficial da Provincia (BOPPO) publica hoxe as bases de 2023, nas que se recolle que as persoas interesadas dispoñen de cinco días hábiles contadas a partir de mañá para presentar as súas solicitudes.

Os premios Novos Valores son un recoñecemento da Deputación de Pontevedra a obras destacadas e méritos artísticos excepcionais -nas modalidades de pintura, escultura, debuxo, deseño, gravado, fotografía, cerámica e vídeo creación, entre outras- que se ven realizando de maneira histórica dende a segunda metade do século XIX con criterios e formatos moi diversos.

As bases de participación no certame desta última edición manteñen os requirimentos principais dos anos anteriores: poderá participar calquera persoa, natural ou residente en Galicia, con idades comprendidas entre 18 e 35 anos na data de presentación da solicitude; poderán presentarse unicamente obras orixinais e inéditas, unha por artista e cunhas características de volume, dimensión e duración específicas.

O xurado do certame deberá escoller ata un máximo de 25 pezas de entre as presentadas, para que formen parte da tradicional mostra que terá lugar no Edificio Sarmiento do Museo entre o 13 de xullo e o 17 de setembro deste ano. Os premios consistirán na adxudicación, entre as obras seleccionadas, de catro bolsas, cada unha por un importe de sete mil cincocentos (7.500,00) euros brutos, para que autoras e autores amplíen a súa formación artística.

Na edición deste ano hai unha novidade con respecto ás anteriores co fin de garantir, aínda máis, a anonimato das persoas participantes: as presentacións das propostas técnicas de cada autora deberán realizarse a través dunha oficina de asistencia en materia de rexistros da Deputación de Pontevedra e non a través da sede electrónica que require a identificación electrónica das persoas interesadas.

Nos últimos anos xa se incorporaran outras novidades no procedemento de selección, tales como a limitación de idade (ata 35 anos), e o sistema de elección en sala por parte do xurado, que permite estudar as pezas presentadas para valoración tal e como as persoas artistas as concibiron e as queren dispoñer na exposición.

Procedemento de participación    

          
O procedemento para participar constará de catro fases: a primeira, de presentación de solicitudes; a segunda, de selección de propostas; a terceira, de presentación de obras seleccionadas; e a cuarta, de concesión das bolsas. A cada solicitude de participación asignaráselle un código de preinscrición. 

A primeira fase, de presentación de solicitudes, farase preferentemente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra. Inicialmente só será preciso presentar un formulario cos datos persoais no prazo de cinco días hábiles contando dende mañá.

Feito ese paso, as persoas interesadas que reúnan os requisitos da convocatoria recibirán un correo electrónico no que se lle indicará a validación desta e o código asignado á súa obra, así como o modelo anonimizado necesario para presentar a proposta técnica segundo o previsto no seguinte punto.

Cumplimentado o trámite inicial será cando a persoa solicitante deberá achegar un ‘adianto’ da súa obra, entre o 22 e o 26 de maio. Nese adianto debe incluírse o modelo de presentación, ata cinco fotografías da creación, unha memoria da obra presentada que inclúa a ficha técnica da mesma (título, técnica, medidas, ano de realización) e a súa descrición, un ‘dossier’ cos traballos desenvolvidos para coñecer a traxectoria artística, e a presentación, detallada e expresa, da finalidade ou do destino formativo para o que se concorre á bolsa.

Na segunda fase, unha vez revisadas polo Museo de Pontevedra as propostas presentadas, convocarase o xurado para examinar, valorar e seleccionar  ata un máximo de 25 propostas de entre as presentadas. Con elas realizarase a mostra ‘Novos Valores 2023’, que estará aberta ao público no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra do 13 de xullo ao 17 de setembro.

Na terceira fase farase a presentación da obra orixinal seleccionada por parte das persoas autoras. As pezas entregaranse entre o 26 e o 30 de xuño de 2022 de maneira persoal ou a través dun medio de transporte que garanta o seu estado. As obras seleccionadas reproduciranse ben na páxina web do Museo de Pontevedra, ben nun catálogo impreso que se editaría como complemento da exposición.

Finalmente, na cuarta fase, coas obras seleccionadas xa expostas, e antes de inaugurar a mostra, convocarase de novo ao xurado para que, unha vez examine e valore as obras, propoña catro persoas autoras das obras merecedoras das bolsas. A concesión será obxecto dun convenio entre a persoa adxudicataria e a Deputación de Pontevedra no que se concretará o seu emprego e o prazo, que non será superior a un ano, para materializar a proposta.

O xurado estará composto polo vicepresidente da Deputación ou a deputada ou deputado en quen delegue, cinco persoas de recoñecido prestixio e o director do Museo de Pontevedra, así como o secretario da Deputación ou a funcionaria ou funcionario en quen delegue. O xurado poderá declarar deserto calquera dos premios se considera que ningunha das obras presentadas ao certame reúne os méritos suficientes para ser premiada.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 10 resultados.