O Museo dedica unha exposición á figuración poscubista de Rafael Úbeda, pintor pontevedrés de dilatada traxectoria internacional
A exposición ‘Rafael Úbeda. Expresións cromáticas’, comisariada por Pilar Corredoira, ábrese este xoves 22 ás 19:30 h e poderá visitarse ata o 17 de setembro
19/06/2023
Aos seus 90 anos de idade, Rafael Úbeda (Pontevedra, 1932) segue a pintar con constancia no seu estudios de Samieira (Poio) e Madrid. Por iso, entre o medio cento de obras que forman a exposición ‘Rafael Úbeda. Expresións cromáticas’, atópanse pinturas de gran formato realizadas este mesmo ano. A mostra inaugúrase o próximo xoves 22 de xuño ás 19:30 horas no Edificio Castelao, e estará aberta ata o 17 de setembro.
A exposición reúne medio cento de obras realizadas desde a década de 1990 ata a actualidade, principalmente pinturas sobre táboa, pero tamén lenzos e algúns debuxos. A súa comisaria é Pilar Corredoira, que propón un itinerario que afonda naqueles aspectos que estiveron presentes ao longo da súa traxectoria e definen a súa linguaxe.
Corredoira sinala que “se escolleron obras que ilustran con nitidez os seus argumentos estilísticos e que deron lugar a unha pintura de factura recia, situada en parte na contorna dunha linguaxe poscubista, arraigada nuns cimentos que remiten ao expresionismo europeo”. Rafael Úbeda é un artista de dilatada traxectoria internacional, que estudou e realizou traballos artísticos nos Países Baixos, Alemaña, Italia, Israel e Estados Unidos. A súa pintura recolleu, ao longo da súa prolífica carreira, a influencia dalgúns dos principais ismos da vangarda europea.
O título da mostra, ‘Expresións cromáticas’, remite ás esencias multiformes da obra de Úbeda e á exaltación dunha das grandes calidades que comporta a súa pintura: a “expresividade cromática”. Este é un dos principais signos distintivos que cruzará toda a súa obra, desenvolvida en diferentes áreas creativas, como son a pintura, o muralismo, o debuxo ou o gravado.
Nas creacións que forman esta mostra quedan reflectidas as principais preocupacións do artista, entre elas a importancia outorgada á figura humana, distribuída en composicións solitarias ou en grupos; intencionadamente deformada, expresionista. Así mesmo, Úbeda traslada á súa pintura as incertezas, as complexidades da vida, e convérteas en materia plástica, en accións que denotan movemento e actividade.
Na ampla colección de personaxes e elementos que poboan os seus cadros, aparecen artistas circenses, actores, máscaras de entroido e, sobre todo, músicos e músicas que tocan diferentes instrumentos, formando grupos ou illados. Úbeda definiuse como “artista sinestésico”, porque “intúe cores nos sons e sons nas cores”; á música dedica boa parte das obras presentes na mostra.
Rafael Úbeda Piñeiro é académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes, doutor en Belas Artes pola Universidad Complutense de Madrid e catedrático de debuxo. Foi profesor de pintura en escolas superiores de Belas Artes de Madrid, Barcelona, Tenerife e Pontevedra. Ao longo da súa carreira recibiu numerosos premios e recoñecementos.
A súa obra está presente en institucións como o Parlamento Europeo (Bruxelas, Bélxica), o Museo Reina Sofía, o European Graphic Art Museum en Heidelberg e o Museum Kunstlerkreises de Nordem, ambos en Alemaña, entre outras. É o autor do mural da Basílica da Anunciación en Nazaret (Israel), de 162 metros cadrados, ademais doutros murais na igrexa dos Milagres de Amil, no Gran Hotel La Toja e no Concello de Pontevedra.
A exposición completarase coa edición dun catálogo en edición bilingüe que reúne reproducións de todas as obras expostas e textos asinados por Pilar Corredoira, comisaria da mostra; María Guzmán Pérez, catedrática de Pintura Contemporánea da Universidad de Granada; polo humorista gráfico e ensaísta Siro; polo compositor Juan Durán; e polo musicólogo e crítico musical José Luis García del Busto.