A Deputación leva ata Cerdedo-Cotobade un ciclo de curtametraxes no marco do Ciclo Mestre Mateo
As pezas poderán verse este domingo no centro cultural de Cerdedo ás 18:30 horas
22/11/2024
O centro cultural de Cerdedo acolle este domingo 24 de novembro un ciclo de curtametraxes ao abeiro do Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa promovida pola Deputación de Pontevedra e a Academia Galega do Audiovisual para achegar aos concellos da provincia as longametraxes e as curtametraxes de ficción e documentais que resultaron finalistas na última edición dos premios do audiovisual galego. Nesta sesión, que comezará ás 18:30 horas, proxectaranse as curtametraxes “Illa cordura”, “Nena”, “O monstro e a nena” e “In Half”.
“Illa cordura” (Mario Fernández Filloy) narra a historia dun fareiro que queda só cando o seu compañeiro marcha a terra firme e atopa unha carta nunha noite de tormenta. A historia que contén esa misiva e o seu medo á noite en soidade levarán o home aos límites da loucura.
“Nena” (Xosé A. Touriñán e Jairo Iglesias) céntrase nunha familia que se ve cambaleada pola morte dunha muller, desestruturando o núcleo familiar e deixando a responsabilidade a unha nena de doce anos. Ante a falta de capacidades ao seu redor, a rapaza asume un rol imposto e leva ás súas costas a supervivencia de tres homes.
En “O monstro e a nena” (Jorge Juan Costas Mira) atopamos un monstro ao que lle doía un corno e, como pensou que necesitaba un médico, marchou á cidade. Este conto, escrito por un neno de 5 anos, trata problemas tan importantes na nosa sociedade como a intolerancia e a incomprensión. Amosa como alguén, neste caso o monstro, causa medo polo simple feito de ser diferente.
“In Half” (Jorge Morais) narra, a través da imaxinación dun neno, a viaxe dun home que, tras caer presa dos seus medos, debe atravesar un mundo estraño. Ese universo está cheo de maxia, e nel presentaranse os seus temores e conflitos do pasado. O home terá que atopar solucións para o futuro, co fin de descubrir a súa propia identidade.
A programación desta nova edición do Ciclo Mestre Mateo estase a desenvolver nos concellos de Cerdedo-Cotobade, Moraña, As Neves e Ribadumia. Ademais desta e outra sesión de curtametraxes, tamén haberá proxeccións de “O Corno”, “Matria”, “Fatum”, “A viaxe de Lucy”, “¡Salta!”, “Emoción, vida e teatro, a nave das Marías”, “Chichi e mais eu” e “Os espazos en branco”.