Luisa Sánchez preside na sede de Vigo a Mesa Local do Comercio da Deputación de Pontevedra

18/03/2025

Mesa Local do Comercio da Deputación de Pontevedra 18-03-2025

 

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, presidiu este martes na sede de Vigo a reunión ordinaria da Mesa Local do Comercio da Deputación de Pontevedra, onde a institución provincial representa aqueles concellos que non contan cun mínimo de comerciantes ou carecen dunha asociación que represente os seus intereses (nomeadamente Barro, Covelo, Dozón, Fornelos de Montes, A Lama, Mondariz-Balneario, Portas e Vilaboa). A mesa, á que asistiu o Director Xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, Gabriel Alén, está formada por federacións e asociacións de comerciantes, consumidores e amas de casa do conxunto da provincia, así como do Morrazo, O Baixo Miño e Vigo.

A Mesa Local do Comercio da Deputación de Pontevedra é un instrumento de participación, coordinación, cooperación e colaboración entre a Administración local e os axentes do sector comercial entre cuxas funcións se atopan, entre outras, o deseño de campañas de promoción do comercio, propoñer medidas, iniciativas e propostas para o seu desenvolvemento e mellora ou ser escoitada na elaboración de plans de tráfico e ordenación urbana.