A Deputación lanza o proxecto fotográfico “E se fose hoxe?” para homenaxear a través de persoas actuais ás vítimas do golpe de 1936 que defendían a liberdade

María Ortega: “A campaña ten o obxectivo de dar a coñecer de maneira humana as persoas represaliadas e alertar do fascismo amosando as consecuencias que tería o alzamento na actualidade”

02/06/2023

E se fose hoxe?

A Deputación presentou hoxe a súa campaña de Memoria Histórica ‘E se fose hoxe?’, un proxecto fotográfico que pretende homenaxear ás vítimas do golpe de 1936 que defendían á liberdade. A iniciativa provincial coloca a persoas actuais  no lugar de quen ocupaba daquela o seu mesmo cargo, vivindo as diferentes situacións de represión que se sufriron tralo alzamento: asasinatos, exilios, incautacións, vexacións sexistas, represións económicas, agochamentos...  

As encargadas de presentar a campaña foron a deputada de Memoria Histórica María Ortega e a técnica provincial Montse Fajardo. A nacionalista destacou que con este proxecto “impactante” quere chamar á atención sobre dúas cousas: dar a coñecer ás vítimas do 36 dun xeito máis humano “e que a poboación en xeral, e a mocidade en particular, entendan que non eran distintas a nós, que non fixeran nada máis que defender unhas ideas na loita por unha sociedade máis xusta”, e en segundo lugar, “xa que agora é máis necesario que nunca, alertar do perigo do avance do fascismo, ilustrando as consecuencias que tería o golpe de Estado se fose hoxe”.

Segundo Ortega, a posta en marcha da campaña decidiuse por un “exercicio de responsabilidade”. Pretendíase –dixo- iniciala despois das eleccións municipais para non interferir no proceso electoral, algo do que nestes momentos non  será posible pola convocatoria dos comicios estatais:  “O importante é que a xente teña presente o que fomos, para saber o que nos está a pasar, consecuencia do fascismo, e construír un futuro de liberdades e respecto”, salientou.

A técnica de memoria Montse Fajardo explicou que para aparecer na campaña buscáronse persoas que representasen distintos tipos de represión. Así, o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores representa ás persoas que tiveron que meterse nun tobo para salvar á vida, como Manuel García Filgueira, alcalde de Pontevedra no momento do golpe que estivo trece anos agochado, desde xullo de 1936 ata 1949.

Carmela Silva lembra ao presidente da Deputación era Maximiliano Pérez Prego, que viu suspendido o seu xuízo e morreu no Hospital –tras enfermar no cárcere- antes da conclusión do seu consello de guerra. Luís Bará, deputado no Parlamento galego lembra a Bibiano Fernández Osorio-Tafall –tamén presidente da Deputación- que no momento do golpe era deputado e a súa historia reflicte moi ben o exilio, porque non volveu ver a súa familia.

Seguindo co exilio, o ilustrador Kiko Dasilva representa a Castelao e a fame e as penurias económicas que pasou. Na mesma liña, Cano Paz , libreiro da Libraría Paz, representa a incautación de bens e en concreto ao seu avó, Ramiro Paz, a quen fusilaron e logo quitaron a imprenta á súa familia.

E se fose hoxe?

A profesora do IES Sánchez Cantón Ánxos Rial personifica ás profesoras comprometidas que son expulsada das aulas, como Ernestina Otero ou tantas outras... Aparece con caixas de “mudanza”  mentres o alumnado a miraba irse. A deputada María Ortega representa á vilagarcía Juana Otero, que foi  “rapada”, e a todas as mulleres que padeceron vexacións sexistas. Aparece nunha foto colectiva que conta coa colaboración doutras mulleres como a actriz Aire Quinteiro ou a cantante Uxía Senlle.

Tamén se fixo unha foto coas persoas que ocupan na actualidade as catro alcaldías do Morrazo cuxos titulares foron asasinados: Marín, Bueu, Moaña e Cangas. “Quixemos que fose un proxecto plural, con representantes de distintos grupos políticos, porque todas as forzas democráticas deben involucrarse na defensa da memoria”, dixo Fajardo. Na foto aparecen María Ramallo Vázquez (PP). Félix Juncal e Leticia Santos Paz (BNG) e Victoria Portas Mariño (Alternativa canguesa de esquerdas). Representan a Antonio Blanco, Johan Carballeira, José Fandiño Pidre e Agustín Jorge Etcheverri.

Tamén se pretendeu homenaxear á xente que estivo présa e para iso escolleuse ao consignatario vilagarcián Dámaso Carrasco, como cara visible de todos os presos da illa de San Simón, que el mesmo fotografiou. “Se non fose por el moitos rostros teríanse perdido. E ninguén mellor para poñerse na súa pel que a fotógrafa do proxecto, Alba Díaz, que desta volta ponse ao outro lado da cámara como protagonista dunha das  fotos”, apuntou Fajardo.

O proxecto materializarase nunha exposición que se inaugurará diante do Concello vello de Pontevedra o luns ás 19.00 coa presenza de participantes, familiares das persoas homanexadas por exemplo María Josefa Carrasco, a filla de Dámaso ou Manolo Puga, o neto de Ernestina Otero. E que estará amenizado musicalmente por Sheila Patricia. Permanecerá a disposición do público ata o día 22.

Tamén se distribuirá un catálogo coas fotografías da campaña acompañadas polas imaxes das persoas homenaxeadas e pequenos textos explicativos do vivido por estas en 1936. Haberá mupis e bandeirolas, que permitirán atraer a atención sobre o proxecto e a súa mensaxe ás persoas que non acostuman asistir aos nosos actos, e tamén pezas audiovisuais que se distribuirán nas redes sociais, pantallas e outros formatos dixitais.

Enlaces de interés

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.