A Deputación destina máis de 600.000 euros á mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-1202 Seixo-San Tomé de Piñeiro, en Marín
Os obras, que serán financiadas integramente con fondos provinciais, terán unha duración aproximada de tres meses e executaranse nun tramo de algo máis de dous quilómetros
28/03/2025
A Deputación de Pontevedra aprobou hoxe o expediente para contratar as obras de mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-1202 Seixo-San Tomé de Piñeiro, en Marín. Cun orzamento de 610.000 euros financiado integramente con fondos provinciais, estes traballos forman parte da aposta da Deputación por “salvagardar a debida prestación do servizo público viario e mellorar a seguridade na totalidade da rede de estradas provincias”, en palabras do presidente provincial, Luis López.
Os traballos, que terán unha duración aproximada de tres meses, consisten na mellora da capa de rodadura para garantir a seguridade e a comodidade na circulación, así como a reposición do firme nun treito de algo máis de dous quilómetros de lonxitude.
Tamén se rozarán as cunetas por ambas marxes e mellorarase a drenaxe. Ademais, durante as obras aproveitarase para realizar unha actuación de limpeza integral da estrada e a mellorar e repoñer tanto a sinalización horizontal como a vertical.