A Deputación encarga o proxecto de mellora da mobilidade peonil da Vía da Prata na Bandeira

A actuación, que superará os 200.000 euros, enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística en Destino Deza-Tabeirós e responde a unha iniciativa do Concello de Silleda

28/12/2022

A Deputación de Pontevedra vén de encargar o traballo de redacción do proxecto de mellora da mobilidade peonil da Vía da Prata ao seu paso pola Bandeira, en Silleda. Trátase dunha actuación incluída no Plan de Sostibilidade Turística en Destino Deza-Tabeirós, que acadou financiamento no marco do Plan Nacional de Sostibilidade Turística en Destinos Xacobeo convocado polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio con fondos europeos Next Generation, e que vai supoñer un impulso ao turismo nestas comarcas do interior da provincia en liña cos obxectivos de loita contra o despoboamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno do Estado.

O Plan de Sostibilidade Turística de Deza e Tabeirós-Terra de Montes concede un especial protagonismo á mellora da transitabilidade no Camiño e á seguridade peonil. Tamén ten en conta o desenvolvemento turístico nos concellos polos que discorren as rutas xacobeas. O proxecto desenvolveranse nun tramo aproximado de 150 metros no entronque da estrada N-525 coa EP-6511, no lugar da Casela, na Bandeira.

Eliminación dun “punto negro”

A intervención, atendendo á proposta do Concello de Silleda, supón a eliminación dun punto negro e a mellora da transitabilidade nun tramo aproximado de 150 metros. Con iso, conseguirase aumentar a seguridade peonil para a veciñanza residente neste pequeno núcleo, así como o das persoas peregrinas que realizan o Camiño de Santiago. O proxecto inclúe a instalación dunha beirarrúa (ou un espazo similar) dedicado ao tránsito peonil, limitación da velocidade máxima do tráfico rodado e instalación de sinalización, horizontal e vertical, e referida ao itinerario de peregrinación.

A Deputación de Pontevedra, que agarda ter listo o proxecto técnico no primeiro trimestre de 2023, dedicará máis de 200.000 euros a este tramo da Vía da Prata. Ademais, o Concello de Silleda tamén se beneficiará doutras accións contempladas no Plan de Sostibilidade Turística en Destino Deza-Tabeirós como unha proposta de experiencia dixital no Mosteiro de Carboeiro, a posta en marcha dun plan de márkenting promocional, formación para a hostalería e comercio local e unha central de reservas para o sector do aloxamento na comarca.

O Plan de Sostibilidade Turística de Deza-Tabeirós elaborado pola Deputación de Pontevedra suporá todo un impulso ao destino das dúas comarcas do interior da provincia, xestionando así o turismo dun xeito integral para todo o territorio provincial. Está baseado nunha estratexia cun triplo carácter transformador: dixital, económico e social e sostible. O plan obtivo unha puntuación de 88 puntos sobre 100 na convocatoria do Ministerio e máis de 2 millóns de euros de fondos Next Generation. Contémplanse 14 actuacións organizadas en catro eixos programáticos: transición verde, eficiencia enerxética, transición dixital e competitividade.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 10 resultados.