Fernández-Tapias centra na economía circular e nas enerxías renovables a liña que se debe seguir para o desenvolvemento económico da provincia

A vicepresidencia da Deputación inaugurou no Pazo Los Escudos de Vigo a segunda edición do Foro de Sostibilidade da Confederación Empresarial de Pontevedra

28/11/2023

Marta Fernández-Tapias na inauguración so Foro de sostibilidade

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, foi a encargada de inaugurar este martes, xunto á vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta, Ángeles Vázquez, o segundo Foro de Sostibilidade da Confederación Empresarial de Pontevedra, que tivo lugar no Pazo Los Escudos de Vigo, no que celebrou a “implicación e o compromiso” das empresas galegas coa responsabilidade social empresarial.

“É moi gratificante ver como as compañías galegas entenderon que a folla de ruta do crecemento pasa pola sostibilidade como factor transversal e parte fundamental da súa estratexia”, afirmou Fernández-Tapias no seu discurso. Despois de poñer en valor o nivel de concienciación das entidades públicas e privadas en cuestións claves coma a economía circular, a xestión de residuos, as enerxías renovables ou a bioeconomía, a vicepresidenta provincial sinalou que “todos, no marco das nosas competencias e na que medida en que poidamos, temos que ser partícipes deste cambio de mentalidade cara a esta nova dinámica de traballo, de facer as cousas”.

Malia a ausencia de competencias lexislativas da institución provincial en materia de medio ambiente, Fernández-Tapias defendeu a aplicación de medidas de sostibilidade na xestión ordinaria da Deputación, con iniciativas enfocadas a prestar un servizo público que opera de forma “xusta e responsable”.