O Revitaliza solicita á Xunta que cree unha norma marco que facilite aos concellos cumprir obxectivos de reciclaxe
O vicepresidente Mosquera anunciou que a Deputación vén de presentar alegacións ao novo Plan de Xestión de Residuos Municipais de Galicia
11/11/2022
O Revitaliza vén de solicitar á Xunta de Galicia que cree unha norma marco que facilite aos concellos cumprir os obxectivos de reciclaxe marcados pola lexislación vixente. O vicepresidente César Mosquera anunciou hoxe que esa é unhas das peticións que a Deputación incluíu nas súas alegacións ao novo Plan de Xestión de Residuos Municipais de Galicia 2023-2030, ao tempo que ofreceu toda a colaboración da institución provincial para elaborar o texto normativo.
As alegacións presentadas polo Revitaliza ao novo Plan de Xestión de Residuos Municipais son moi amplas. Unha parte é relativa a erros numéricos e a carencias de documentación, e outra parte –a máis extensa- pretende mellorar o Plan para que permita cumprir aos concellos os obxectivos de reciclaxe achegando propostas de concepto e enfoque. “Mandamos as nosas ideas co ánimo de colaborar e aportar”, dixo o vicepresidente.
Segundo explica Mosquera, o novo texto da Xunta fai unha valoración do anterior Plan de Residuos Urbanos de 2011-2020, constatando que non se cumpriron os obxectivos en canto a tratamento e xestión de residuos, mais non analiza cales foron os erros que se cometeron para non cumprir cos números de reciclaxe esixidos.
Ante isto, dende o Revitaliza solicítase que o novo Plan recolla a obriga de separar en orixe por parte de persoas e entidades produtoras, que está en vigor tanto pola directiva europea 18 como pola súa transposición na lei 7/2022 do Estado. Segundo Mosquera, a chave para que a reciclaxe funcione está na separación en orixe por parte das empresas ou entidades productoras dos residuos.
“Se non se recolle este cambio de obrigar aos produtores a separar, nin se recolle a inspección obrigatoria, os concellos non estarán apoiados por esa obriga, e polo tanto non se cumprirán os obxectivos de reciclaxe. Pode que nalgún domicilio si, pero non na actividade económica, que é o groso que hai que atacar”, apuntou.
Así mesmo, Mosquera subliñou que xa no Plan de 2011 se especificaba que os concellos tiñan que adaptar as súas ordenanzas á lei e que, no caso de non dispoñer delas, rexería a norma da comunidade autónoma. “A Xunta ten que dar instrumentos aos concellos e van alá 11 anos e aínda non publicou ningunha norma. Facede esa norma xa!”, solicitou o nacionalista, que amosou toda a colaboración da Deputación neste ámbito. Sinalou, de feito, que a Deputación está a dar subvencións aos concellos da provincia para que elaboren as súas propias ordenanzas, dispoñendo incluso dun texto marco que podería ser aproveitado para a normativa autonómica.
Segundo Mosquera, tal como está redactado o novo Plan de Residuos Municipais de Galicia nos vindeiros dez anos non se avanzará en materia de residuos “de ningunha maneira”. “Hai que facer sensibilización, pero en modo voluntario non se cumpren os obxectivos. Coa nova lei estatal acabouse o buenismo, hai que ir máis alá e dar o salto”, sinalou o vicepresidente, quen insistiu en que a Xunta ten que incluír no seu Plan 2023-2030, principalmente, a obriga de separar en orixe por parte dos produtores e crear unha norma marco que ampare a concellos.