A Deputación lanza unha liña de axudas extraordinarias de 3 millóns de euros para garantir o abastecemento de auga domiciliaria se segue a seca

Carmela Silva: “Adiantámonos ao que poida suceder para atender as demandas do territorio da man dos gobernos locais cunha liña novidosa, potente e xa traballada”

04/08/2022

Axudas seca

O goberno da Deputación de Pontevedra presentou hoxe unha nova liña de axudas extraordinarias aos concellos de menos de 20.000 habitantes para que poidan actuar se a situación de seca, que afecta xa a diferentes zonas da provincia, se mantén no tempo e chega a comprometer o abastecemento de auga domiciliaria. A presidenta provincial, Carmela Silva, e o vicepresidente, César Mosquera, deron detalles desta iniciativa que estará dotada con 3 millóns de euros e que está destinada aos concellos, entidades locais ou mancomunidades, que teñen a obriga de garantir o abastecemento. Así, a Deputación de Pontevedra convértese na primeira administración provincial de Galicia en lanzar estas axudas extraordinarias pola seca e na máis ambiciosa do Estado en canto aos recursos que se van mobilizar.

Carmela Silva avanzou que as bases desta liña de axudas se levarán ao pleno de setembro e subliñou que con esta medida a Deputación “anticípase ao que poida acontecer se seguimos nesta situación”. Tamén destacou que a nova liña quere deseñarse “da man dos alcaldes e alcaldesas”. De feito, a institución remitiu hoxe unha carta na que se convida aos gobernos locais a facer achegas en canto as casuísticas que teñen cada un deles, “e imos escoitalos, quedando claro que son axudas extraordinarias para situacións extraordinarias”. A presidenta provincial cualificou esta iniciativa como “unha decisión novidosa, potente e con recursos moi por riba doutras administracións, amais de que temos moi ben pensado como vai ser o sistema. Esta administración volve ser un exemplo de atención aos concellos, que é a nosa obriga”.

Pola súa banda, César Mosquera sinalou que a Deputación  reafírmase como “o concello dos concellos” nunha situación de prealerta por seca na que algúns municipios xa tiveron que facer restricións. “Nin os concellos nin nós podemos facer as cousas de maneira ordinaria, con toda a burocracia que iso supón, porque as medidas aplicaríanse en febreiro e queremos que sexa xa”. “O que ten que saber quen xestione a auga –afirmou Mosquera- é que xa desde hoxe van ter o respaldo económico para pagar esas actuacións de emerxencia que teñan que facer agora. A mensaxe que queremos lanzar e que actúen, que subsanen xa os problemas, que teñen o respaldo da Deputación“.

A contía máxima de subvención será un fixo de 10.000 € para cada concello, entidade ou mancomunidade, mais a resultante de multiplicar por 5 o número de habitantes da administración local que solicita a axuda, “respondendo unha vez máis, dixo a presidenta, a un reparto equitativo co criterio obxectivo poboacional”. No caso das Mancomunidades será para actuacións en concellos de menos de 20.000 habitantes e no caso de actuacións conxuntas para a parte proporcional segundo a poboación que corresponda a concellos de menos de 20.000.

As actuacións subvencionables  con esta liña de axudas extraordinarias, que se concederán por concorrencia non competitiva, serán todas aquelas de emerxencia destinadas a garantir o subministro de auga a toda a poboación, estea cuberta polo sistema público ou por solucións individuais ou colectivas diferentes ao sistema público e poderán ser de gasto corrente ou investimento. Entre elas estarían o enchido de depósitos mediante cisternas, puntos de achega mediante cisternas, eliminación de fugas puntuais no sistema de captación e distribución, novas captacións de emerxencia como pozos de barrena, conexións puntuais a outras redes por emerxencia, limpeza de captacións, campañas informativas de moderación de consumo, gastos derivados de bombeos extraordinarios e urxentes e outras similares.

Non serán financiables obras de mellora xeneralizada ou de ampliación das actuais redes, que terían que afrontarse por procedementos ordinarios. En todo caso, o listado de actuacións que serían subvencionables está aberto en funcións das achegas que poidan facer chegar os concellos.

audios