A reordenación da Avenida Sarmiento Rivera en Ponteareas sae a licitación

A actuación, na que se invisten máis de 630.000 €, ten por obxecto mellorar as condicións de seguridade e mobilidade das persoas a través da creación dun itinerario peonil

04/07/2023

A Deputación de Pontevedra xa ten en licitación as obras de reordenación da EP-4006 no seu treito inicial en Ponteareas, na Avenida Sarmiento Rivera, por un orzamento de 630.423€. Estes traballos, financiados ao 100% pola institución provincial, buscan garantir a mobilidade das persoas a través da creación dun itinerario peonil accesible neste tramo situado no núcleo urbano. As empresas teñen de prazo ata o 12 de xullo para presentar as súas ofertas.

A actuación abrangue o tramo comprendido entre a glorieta situada xunto ao Concello de Ponteareas (onde conflúe a avenida Sarmiento coa rúa Concha Brey e as avenidas de Galicia e Rosalía de Castro) e a glorieta coas rúas Redondela e Pombas. Con ela preténdese mellorar as condicións de seguridade e mobilidade para as persoas nesta céntrica avenida, mediante a construción de beirarrúas adecuadas para configurar itinerarios peonís continuos, accesibles e seguros, ao tempo que se resta prioridade ao espazo destinado ao tráfico rodado e se implantan medidas que permitan conseguir o calmado efectivo do mesmo.

O obxectivo é conformar unha “porta de entrada” ao núcleo urbano, recuperando o espazo público para a cidadanía. Así, na zona máis próxima ao Concello, onde a existencia de edificacións en ámbalas dúas marxes non permiten ampliar a sección actual, encaixaranse beirarrúas de 2,5 m e unha calzada de 5,70 metros entre bordos. No resto, redúcese a calzada actual a 6 metros, mantendo a política de carrís estreitos que favorezan a redución de velocidade e conseguindo ademais que as beirarrúas queden por riba dos 2,5 m. Ademais, acondicionarase e melloraranse as características da estrada en canto a seguridade e comodidade das persoas usuarias, como a adecuación da iluminación, a dotación de sinalización horizontal e vertical e a reposición daqueles servicios afectados pola execución das obras. A intención é que, unha vez finalizadas as obras, se transfira este tramo ao Concello de Ponteareas.