A Deputación achega esta fin de semana a Moaña a figura do pioneiro do cinema galego, José Gil

Este venres 17 de outubro e o vindeiro domingo 19 o concello acollerá proxeccións, a presentación dun libro e visitas guiadas dentro do programa que desenvolve a institución provincial xunto a Vía Láctea Films, Cine na Rúa e a Editorial Galaxia

15/11/2023

A Deputación de Pontevedra leva esta fin de semana a Moaña o proxecto que desenvolve xunto a Vía Láctea Films, Cine na Rúa e a Editorial Galaxia para poñer en valor a figura de José Gil (1870-1937), pioneiro do cinema galego, e que chegará neste 2023 a trinta concellos da provincia. As actividades desenvolveranse o venres 17 e o domingo 19 de novembro en Moaña e inclúen proxeccións, visitas guiadas polo seu cinemóbil, a presentación dun libro e unha actuación musical.

Na xornada do venres 17 de novembro terá lugar, entre as 10:00 e as 13:30 horas, unha programación para alumnado da vila que inclúe a proxección no salón de actos do IES As Barxas das películas que reproducía José Gil no seu cine Royalty de Ponteareas nos anos 20. Ademais, o alumnado terá a ocasión de participar nunha visita guiada por Manolo González e Ignacio Vilar ao Cinemóbil nº 3 de José Gil. Xa pola tarde haberá outra ronda de proxeccións de filmes de José Gil, para o público en xeral, que terán lugar entre as 20:00 e as 21:30 horas, tamén no IES As Barxas.

O domingo 19 de outubro, detrás da praza de abastos, haberá novamente visitas guiadas ao Cinemóbil, entre as 10:00 e as 12:30 horas. A partir desa hora, no alto da praza, presentarase o libro Nos días encantados de agosto, elaborado por Manolo González sobre a figura de José Gil. Para rematar o ciclo de actividades arredor da figura de José Gil, entre as 13:00 e as 14:00 horas haberá unha sesión vermú coa actuación da banda de música popular de Moaña Airiños do Morrazo.

O proxecto multidisciplinar “José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema” aglutina presentacións, exposicións, proxeccións, concertos e múltiples actividades ata o 3 de decembro nun total de trinta concellos para difundir e poñer en valor a figura e a obra do considerado iniciador do cinema en Galicia. A programación comezou no seu concello de orixe, As Neves, e xa pasou por Cuntis, Cambados, A Guarda, Caldas, Mondariz, Covelo, Poio, Redondela, Baiona, Gondomar, Nigrán, Arbo, Mondariz-Balneario, Soutomaior, O Porriño, Bueu, Cangas, Pontecesures, Lalín, Sanxenxo, Pontevedra, Marín, Vigo, O Grove, Salvaterra de Miño e Tui. Despois de Moaña continuará en Vilagarcía de Arousa e Ponteareas.

José Gil e Moaña

A súa fama como fotógrafo levouno a converterse nun dos máis demandados por parte da burguesía e aristocracia da contorna da ría de Vigo, como constata o retrato de Dolores López Saavedra e Luís López Guitián, señores do pazo do Rosal en 1907. Pero o máis destacable da súa relación con Moaña foi que se encargou dun cinema na vila. Acompañado por Alfonso Penabade e Enrique Sánchez, alugaron un pequeno local onde se proxectaron, desde 1919 ate 1923, moitas películas da casa Gaumont coma Los hijos del capitán Grant, xunto con moitas filmacións propias realizadas pola xeografía galega.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.