O 63% das situacións de acoso dixital procede de homes coñecidos da vítima, segundo o novo informe da Cátedra de Feminismos 4.0

No marco do seu Observatorio Stop Machitroles, a Cátedra presenta a súa segunda investigación, centrada en analizar a violencia machista dixital a través da prensa galega

14/11/2022

INFORME STOP MACHITROLES CATEDRA FEMINISMOS 4.0 UVIGO

A Cátedra de Feminismos 4.0, impulsada pola Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra, presentou hoxe o segundo informe do Observatorio Stop Machitroles (dispoñible na páxina web da Cátedra), que analiza a violencia machista dixital a través da prensa galega e que, entre os seus resultados, conclúe que o 63% das situación de acoso dixital procede de homes coñecidos da vítima. Participaron na presentación a deputada de Turismo e Xuventude, Ana Laura Iglesias, a directora da Unidade de Igualdade da UVigo e da Cátedra de Feminismos 4., Águeda Gómez, e a experta en ciberviolencias machistas Estíbaliz Linares Bahíllo.

Estes acosadores forman parte tanto do ámbito afectivo (parellas ou ex-parellas), como do educativo, deportivo, veciñal ou laboral da vítima. Nestes casos, o acosador dirixe a súa violencia, vixilancia e fustrigación dixital a unha muller concreta. Segundo os casos que aparecen na prensa, só un 10,3% son acosadores descoñecidos para as vítimas e, nestes casos, o acosador tamén dirixe a súa violencia cara a unha única muller.

En relación coas tipoloxías do acoso, o informe identifica tres grandes grupos: o ambiental (que se produce en ambientes educativos, deportivos e lúdicos); o da manoesfera (a través dunha acción de acoso orquestrado e organizado) ou o que denomina o «efecto Johnny» (as denuncias do suposto acosador ou maltratador á súa vítima por difamación, como no caso do xuízo entre Johnny Depp e Amber Heard).

Análise de gran parte do ecosistema mediático galego

Esta investigación exploratoria (que se completará cun estudo de campo máis profundo nos próximos meses) analizou, entre xaneiro e setembro de 2022, un total de 245 noticias de gran parte do ecosistema mediático galego, incluído o diario El País. Este achegamento, a través das noticias de prensa, opera como un indicador da importancia deste fenómeno para os medios, e amosa en que grao o acoso dixital machista é susceptible de converterse en noticia. Esta mostra permite extraer algunhas conclusións sobre a prevalencia e a tipoloxía destes feitos e axuda a coñecer con algo máis de detalle a preocupante realidade do machismo dixital.

Alarmante número de nenas e adolescentes vítimas

Ademais das conclusións xa citadas, outro dos resultados destaca o continuo da violencia machista, que salta da vida material ao espazo dixital onde se multiplica utilizando os dispositivos tecnolóxicos e as redes sociais. No que recollen estes medios, en moi poucos casos se describen violencias machistas exclusivamente dixitais.

En canto ás vítimas, son todas mulleres. A análise sinala que “resulta alarmante” o número de nenas e de adolescentes que sofren este tipo de violencias. Entre as técnicas máis utilizadas están a sextorsión, os desnudos non solicitados, o cyberflashing, a chamada pornovinganza, a ciberfustrigación, a ciberespreita, a ciberintimidación, o ciberacoso, o phubbing, o flaming, o cracking de contas, o uso de aplicacións (spyware) para controlar os seus movementos e a súa localización física e en liña ou as mensaxes compulsivas e reiteradas. Moitas noticias son publicadas por estar implicadas persoas famosas, como vítimas ou como acosadores. Este tipo de novas actúa como modelo paradigmático da frecuencia, intensidade e transversalidade das violencias machistas en todos os estratos sociais, ideoloxías, idades ou profesións.

A violencia dixital, un problema socioestrutural

A deputada provincial Ana Laura Iglesias asegurou que “este informe é moi actual e significativo dada a importancia que acadan as redes sociais no noso día a día”. Iglesias cualificou de “alarmante” a “elevadísima porcentaxe de adolescentes que consideran normal que as súas parellas lles revisen o teléfono móbil, teñan un control dos seus contrasinais e rexistros de chamadas telefónicas e mensaxes, e que non crean na existencia da violencia machista”. Ante iso, asegurou, “levar a cabo esta investigación do ciberespazo é fundamental, xa que poderemos levalo ás aulas e crear estratexias e mecanismos para que as rapazas se poidan protexer da violencia machista, con solucións e camiños a seguir para evitalo”.

A directora da Unidade de Igualdade e da Cátedra de Feminismos 4.0, Águeda Gómez destacou tendo en conta os resultados do informe que “a violencia dixital é un fenómeno que ten xénero: a maior parte vai dirixida cara ás mulleres e os seus autores son maioritariamente homes”. E, facendo referencia ao estudo, sinalou que esta violencia “ten unha forte e virulenta compoñente sexual”, que se utiliza coa intención de “crear un clima de terror sexual que serve para controlar e condicionar a vida das mulleres no espazo dixital e que afecta ao resto de esferas da vida”.

videos

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 8 resultados.