Todo listo para a gran gala da II edición dos Premios “Mulleres no Foco”, que terá lugar o día 30 en Pontevedra
Carmela Silva: “Será o evento máis importante do audiovisual e do cinema en Galicia e no Estado, no que queremos que participe a cidadanía. Serán os Óscar da provincia”
16/09/2022
“Vai ser unha Gala extraordinaria, o evento máis potente que se ten desenvolvido na provincia en todo o ano e o máis importante do audiovisual no Estado”. Así anunciou hoxe a presidenta provincial Carmela Silva a celebración, o próximo 30 de setembro no Auditorio Afundación de Pontevedra, da gran gala de entrega da segunda edición dos premios Mulleres no Foco, os “Óscar da provincia de Pontevedra”, cos que a Deputación e a Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA) recoñecen e visibilizan o talento feminino do audiovisual. Xunto a Carmela Silva estiveron Marta Villar, a nova delegada de (CIMA), e as actrices Arantxa Treus e Mónica Sueiro, presentadoras do evento no que se darán a coñecer ás tres premiadas de entre as 17 candidatas aos galardóns. Á Gala están invitadas representantes da cultura, da sociedade e dos concellos, pero a gran cita quere contar coa implicación da cidadanía. Carmela Silva animou a que a xente encha as 400 prazas do auditorio e se inscriba mulleresnofoco@depo.gal “Animo á cidadanía a participar porque vai quedar abraiada e non vai querer que finalice. Se queren ser felices, apúntense”.
Se o pasado 2021 a gala celebrada en Vigo foi un éxito de público, esta II edición, en palabras da presidenta, “aínda vai ser máis tremenda, absolutamente potente, vai ser unha entrega de Óscar ás grandes mulleres do cinema”. Para Carmela Silva, é xa “a gran referencia do apoio ao cinema e ao audiovisual feito e participado por mulleres, non só de Galicia senón de todo o Estado”. Porque, como dixo, “o talento feminino, que existe e que cada dia está máis presente, ten que ser visibilizado en grandes eventos”. “As mulleres –lembrou- non só se teñen que poñer de pé no centro e amosar o imprescindible que aportamos como metade do mundo, senón que o temos que facer en eventos extraordinarios. Estamos fartas de que as cousas de mulleres se amosen en lugares pequeniños, onde non hai glamur, entendendo que esta palabra significa que estamos empoderadas, fortes e facendo copartícipe á sociedade de todo o que ofrecemos sempre”.
O evento contará coa actuación musical en directo da cantante Sés e cun photo call de cine amenizado por Sarao Animación. Será unha gala “teatralizada e con moita escenificación”, chea de sorpresas. E non faltarán os abanos vermellos co lema “Hai mulleres. Mulleres no Foco”. “Temos que usar este hashtag de forma continuada porque hai mulleres neste mundo audiovisual e moi grandes”, incidiu a presidenta.
Pola súa banda, a directora de arte e delegada de CIMA Marta Villar agradeceu á Deputación a posta en marcha destes premios e o feito de darlles continuidade, “porque isto non vai desaparecer, vai continuar no futuro”. “È moi importante –engadiu- para as mulleres do audiovisual non só o recoñecemento, tamén a dotación económica, porque é un premio en efectivo que impulsa novos traballos e perspectivas e non é doado acadar ás veces a parte económica importante para levar a cabo un novo proxecto. E non hai premios en España, nin para homes, con esta dotación, no audiovisual”.
As 17 candidatas recibirán unha escultura, a camelia branca deseñada pola artista Ana Tenorio, “símbolo das mulleres sufraxistas” e as tres gañadoras amais dun premio de 5.000 euros (a dotación incrementouse en 2.000 euros), tamén se levarán a escultura elaborada por Pilar Alonso que xa é o emblema destes premios. A presidenta destacou que a Deputación seguirá a incrementar a contía destes galardóns en futuras edicións, “porque cando son para eles teñen contías máis altas e o que non ten prezo perde valor”. Amais, Carmela Silva quixo poñer en valor o traballo de CIMA “poñendo claro sobre escuro nos datos inaceptables da situación das mulleres e na promoción de actividades para que cada dia haxa máis mulleres, sexan mais visibles e teñan os dereitos que lle corresponden”.
Pola súa banda, as presentadoras, Mónica Sueiro e Arantxa Treus, amosáronse “encantadas de formar parte desta fantasía” e destacaron que a gala “vai ser toda unha festa; se nos ensaios estamos a pasalo así de ben, preparádevos”. “Esta segunda gala -comentaron- é o comezo de moitas máis que no futuro vai haber, afortunadamente”.
Cara aos Premios, as 17 nomeadas representan todas as idades e especialidades do audiovisual. Son Manane Rodríguez Rodríguez; Jaione Camborda Col; Lucia Catoira Pan; Xisela Franco Costas; Maria Isabel Martínez Martínez; Pilar Comesaña Amado; Micaela Sinde Stompel; Araceli Gonda Cabrera; Tatiana Rodríguez Vázquez; Beatriz Legerén Lago; Andrea Vázquez García; Natividade Juncal Portas; Paula Cons; Chelo Loureiro; Lucía Estévez González; Adriana Pérez Villanueva e Belén Montero Rodríguez.