O alcalde de Pazos solicita a expropiación que a Deputación lle propuxera fai tempo de parte dos terreos afectados polas obras na EP-2702

O goberno provincial celebra o cambio de postura do Concello que tiña rexeitado en múltiplas ocasións que a institución iniciase o procedemento expropiatorio

27/01/2023

Tras máis de catro anos agardando a que o Concello de Pazos puxera á disposición da Deputación os terreos necesarios para acometer as obras de transformación da EP-2702 Amoedo-Os Valos, o Concello vén de comunicar á institución provincial a cesión de parcelas e a solicitude de expropiación de parte dos terreos afectados. O Goberno provincial expresou a súa satisfacción ante o cambio de postura do alcalde xa que a Deputación, ante a dilación do Concello en conseguir as cesións, xa fai tempo que lle formulou a posibilidade da expropiación, algo que o alcalde de Pazos rexeitou por activa e por pasiva. De feito, mantivéronse múltiplos encontros co rexedor nos que nunca contemplou esta opción. Sin embargo este mesmo venres o Concello presentou por rexistro o escrito do secretario coa certificación da resolución da alcaldía para a cesión de parcelas e a solicitude de expropiación de parte dos terreos afectados.

A Deputación quere trasladar á cidadanía de Pazos de Borbén a súa vontade de axilizar o máximo os prazos das obras e o departamento de Infraestruturas xa se puxo mans á obra para modificar o proxecto e incluír nel a expropiación, xa que para o goberno provincial se trata dunha obra prioritaria. Cómpre lembrar que a veciñanza tivo un papel moi activo durante estes anos, e que mesmo os colectivos veciñais falaron coas persoas propietarias dos 41 terreos para facilitar as cesións, obtendo un acordo moi maioritario.

As obras de ensanche e mellora da seguridade viaria na EP-2702 Amoedo-Os Valos abranguerán o treito entre os puntos quilométricos 6+550 e 7+980. Suporá a transformación desta estrada na que, ademais da reparación do asfalto, corrixirase o trazado e adaptarase aos criterios do século XXI. Entre as actuacións inclúense a ampliación da plataforma para a dotación de beiravías, a corrección das curvas con menor visibilidade, e todas aquelas encamiñadas a cumprir as directrices da Deputación en toda a rede provincial de estradas.