O Palacete das Mendoza acolle ata o 30 de marzo a exposición “Atlánticas. Mulleres do Nordés” de Viki Rivadulla
Carmela Silva: “Mostra mulleres fortes, rexas e imprescindibles para a economía do mar. Racha coa idea das mulleres sereas das brumas e represéntaas con cor e no centro”
10/03/2023
A sede de Turismo Rías Baixas, no Palacete das Mendoza de Pontevedra, acolle ata o 30 de marzo a exposición “Atlánticas. Mulleres do Nordés”, da pintora e escultora Viki Rivadulla, “unha muller –en palabras de Carmela Silva- comprometida, cuxa vida é arte, cultura, pintura e defensa da igualdade”. A presidenta da Deputación vén de dar o tiro de saída a esta mostra, composta de 30 acrílicos pintados entre 2020 e 2021, que representa “mulleres fortes, rexas e imprescindibles para a economía do mar, rachando coa idea das mulleres sereas, que se moven no silencio e nas brumas, e retratándoas na cor, na luz e no centro da vida e do mar”.
“Atlánticas. Mulleres do Nordés” é un exemplo da fusión dos principais temas que aborda Viki Rivadulla na súa obra: o mar e a cultura mariñeira e as mulleres non como musas, senón dende unha perspectiva crítica co sistema patriarcal. “A miña intención era rachar con ese estereotipo da muller que está agardando no peirao a que o home lle traia vida”, explicou a artista, ao tempo que fixo fincapé na importancia de “poñer no centro unha iconografía da muller do mar totalmente diferente, sempre emprendedora, traballadora, que leva a casa, o idioma, as costumes e todos os oficios: hai redeiras, peixeiras, mariscadoras, percebeiras... Que sería do mundo do mar sen esas mulleres?”. Deste xeito a mostra está inspirada nas mulleres da costa galega e presenta uns seres case míticos pero fundamentados nunha realidade e ligados ao seu oficio mariñeiro. Mulleres apoderadas que defenden con orgullo o seu ser mariñeiro, “mulleres reais, traballadoras, pero pasadas por unha visión artística que as converte en guerreiras que defenden o territorio, o mar, que está esmorecendo e desaparecendo e que hai que coidar”, asegurou Viki Rivadulla.
A exposición poderá visitarse ata o vindeiro 30 de marzo na Sala de Exposicións do Palacete das Mendoza en horario de luns a venres de 9.00 a 20.00 horas, os sábados de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 horas e os domingos e festivos de 10.00 a 14.00 horas.