A estrada de Campañó reábrese ao tráfico Despois de só mes e medio de obras

A vía provincial afundiuse pola acción dos temporais do pasado mes de xaneiro e a Deputación adxudicou a reparación por procedemento de emerxencia

10/03/2023

ESTRADA CAMPAÑÓ

A estrada EP-0017, que une O Vao con Campañó, en Pontevedra, volve estar en servizo dende as 14.30 horas de hoxe unha vez que a Deputación rematou as obras de emerxencia acometidas para reparar o tramo da calzada que cedeu a causa dos temporais de choiva do pasado mes de xaneiro. Os traballos, adxudicados polo procedemento de emerxencia e cun custo de 150.000 euros, están xa rematados a falta dos últimos retoques.

O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, visitou esta mañá o punto quilométrico 0+620, a zona onde na madrugada do pasado 17 de xaneiro se produciu o afundimento, e destacou a axilidade na tramitación administrativa para a adxudicación das obras, así como o labor da equipa técnica da Deputación e da empresa contratista para reparar os danos nun tempo de só mes e medio dende que comezaron as obras. Gregorio Agís explicou que deste xeito logrouse rebaixar o prazo de execución de dous meses, “que xa era esixente”.

A reparación afectou ao tramo de 100 metros cedido e comezou pola retirada do coche que foi “absorbido” polo derrubamento da vía cara o terraplén lateral. Ademais, foi preciso limpar tódalas escorrentas de terras que se produciron ladeira abaixo e que afectaron a varias parcelas privadas. A construción dun gran muro de contención e a ampliación da drenaxe transversal, cun incremento de sección para evitar que o problema de saturación polos arrastres de terra se repita no futuro, deron paso ao aglomerado da calzada e ao pintado. Ademais, executouse unha rampla de acceso a unha finca que resultou afectada pola construción do muro de contención.

Os operarios continuarán traballando nos próximos días para formigonar pequenas seccións na cuneta e tamén coa sinalización horizontal, que será preciso repasar unha vez que as condicións meteorolóxicas permitan pintar nas condicións máis axeitadas.

Gregorio Agís volveu destacar a felicidade polo feito de que esta incidencia absolutamente imprevista, pois non había ningún signo de deterioro nunha estrada que viña de ser pavimentada recentemente,  se saldara con só danos materiais.  O deputado de Infraestruturas subliñou, ademais, a axilidade en tódalas actuacións acometidas pola Deputación dende que se produciu o afundimento da estrada, o que ten permitido a reapertura “en moi pouco tempo”. Así referiuse ao corte e balizado inmediato do tramo, a tramitación administrativa para a adxudicación directa das obras polo procedemento de emerxencia, e, finalmente, a rápida execución dos traballos a cargo da empresa contratista, Construcións Obras e Viais S.A.