O castelo de Soutomaior acolle desde este xoves un espectáculo de vídeo mapping e os xogos de escapismo para familias
O deputado provincial Javier Tourís será o encargado de dar o inicio este xoves, ás 19 horas a estas actividades que promove, por vez primeira, a Deputación de Pontevedra no castelo
20/12/2023
Tralo éxito das visitas teatralizadas que tiveron lugar na ponte de decembro con todas as prazas cubertas, esta semana arrancan no castelo de Soutomaior o espectáculo de vídeo mapping e os xogos de escapismo para familias con nenas e nenos maiores de 8 anos. O deputado provincial Javier Tourís será o encargado de dar o inicio, este xoves ás 19 horas, a estas actividades que por vez primeira promove a Deputación de Pontevedra no castelo.
O vídeo mapping será un innovador espectáculo gratuíto de luz e son proxectado sobre a torre da Homenaxe que se poderá ver por vez primeira no castelo este xoves a partir das 19 horas. Proxectaranse na torre, acompañadas de música propia do Nadal, imaxes dunha máxica fada que enche de luz o castelo, así como dos Reis Magos e de bolas de Nadal, xoguetes, fogos artificiais, regalos e árbores. A peza, de seis minutos de duración, poderase ver desde as 19 ata as 21 horas entre os días 22 de decembro e 4 de xaneiro, exceptuando os días 24, 25 e 31 de decembro e o 1 de xaneiro que coinciden coas datas de peche do castelo de Soutomaior.
Pola súa banda o xogo de escapismo está aberto a familias con nenas e nenos maiores de 8 anos e ten por obxectivo que as persoas participantes vivan en primeira persoa o asedio ao castelo de Soutomaior. Deste xeito, nun tempo máximo de 60 minutos, terán que resolver probas e pistas en grupos para axudar a Pedro Madruga a parar aos Irmandiños. Terá lugar os días 21, 22, 23, 26, 28, 29 e 30 de decembro e os días 3 e 4 de xaneiro en seis pases ao día desde as 11 ata as 14 horas e entre as 16 e as 19 horas. As prazas para participar na actividade están aínda abertas e as entradas (8 euros) poden adquirise na web do castelo.