A Finca Mouriscade acollerá no mes de xullo a segunda Escola de Iniciación de futuros/as gandeiros/as

Con esta iniciativa, organizada pola Federación Frisona Galega en colaboración co Clube de Xóvenes Gandeiros e dirixida a cativas/os de entre 8 e 17 anos, dáse cumprimento a un dos últimos compromisos do Plan Estratéxico de Reactivación de Mouriscade

07/06/2023

Presentacion Escola gandeiras e gandeiros de Mouriscade

A Finca Mouriscade da Deputación acollerá entre o 10 e o 14 de xullo a segunda edición da Escola de Iniciación de futuros/as gandeiros/as, organizada pola Federación Frisona Galega en colaboración co Clube de Xóvenes Gandeiros. Con esta iniciativa a institución provincial dá cumprimento ao último dos compromisos do Plan Estratéxico de Reactivación de Mouriscade en relación á visibilización da Finca e o traballo que desenvolve, abrindo as súas portas tanto á comunidade escolar como á cidadanía en xeral. A segunda Escola de Iniciación de futuros/as gandeiros/as vén de ser presentada nas instalacións de Mouriscade coa asistencia de Manuel Sandamil, presidente da federación; Fernando Suárez e Jesús Manteiga, presidentes de Africor na Coruña e Pontevedra; María Manteiga e Avelino Souto, do Clube de Xóvenes Gandeiros; Concepción López, xefa do servizo de Medio Ambiente da Deputación; Héctor Martínez e Sergio Sueiro, responsables de Laboratorio e Gandería da Finca Mouriscade, e Paula Fernández, responsable de Presidencia do centro.

Despois do éxito da primeira edición da Escola de Iniciación de futuros/as gandeiros/as celebrada en setembro de 2022 en Touro, A Coruña, nesta segunda edición da iniciativa as instalacións da Deputación de Pontevedra en Lalín acollerán, durante cinco días, a unha trintena de rapazas e rapaces de entre 8 e 17 anos. Todas e todos eles  recibirán na Finca Mouriscade formación teórica e práctica e desenvolverán diferentes actividades relacionadas, entre outras, co encamado, a alimentación, doma de animais, morfoloxía das vacas, pelado, manexo, lacado e preparación para os concursos. Todo elo da man de gandeiras/os expertas/os.

O prazo de inscrición para optar ás 30 prazas dispoñibles na Escola de Iniciación de futuros/as gandeiros/as comeza hoxe, 7 de xuño, e remata o vindeiro día 26 e o formulario pode atoparse na web da Federación Frisona Galega (www.fefriga.com). O custo da matrícula é de 200 euros (cun 30% de desconto para socios e socias do Clube de Xóvenes Gandeiros) e inclúe comidas, aloxamento, documentación e material, seguro, expedición do título/diploma correspondente e gastos de organización. A entidade promotora da iniciativa agarda esgotar as prazas de forma inmediata.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 16 resultados.