A Deputación destina 148.000€ a mellorar a mobilidade peonil na EP-6102, en Dozón

As actuacións desenvolveranse nun tramo de 400 metros polo que pasa a Vía da Prata e consistirán na creación dunha senda peonil

20/06/2023

A Deputación de Pontevedra está a abordar o proxecto de mellora da mobilidade peonil na EP-6102 Castro – Dozón – O Irixo, no concello de Dozón, unha actuación que conta cun orzamento estimado de 148.000 euros e que ten por obxectivo ofrecer máis seguridade ás e aos peóns que transitan por esta estrada mediante a construción dunha senda peonil na marxe da mesma.

En concreto, actuarase nos primeiros 400 metros dos 3,13 quilómetros da estrada provincial, que corresponden ao tramo comprendido entre a N-525 e a AG-53, polo que transcorre o Camiño de Santiago, concretamente a Vía da Prata, polo que se trata dun tramo cun gran tránsito de persoas, tanto da veciñanza da zona como de peregrinos e peregrinas que se dirixen á capital galega.

O proxecto tamén incluirá outras actuacións, como a renovación da capa do firme ou o reacondicionamento da marxe contraria á senda que se proxecta construír, co fin de habilitar toda a zona para o paso seguro de persoas.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.