Dozón estrea a súa renovada Casa Consistorial tras unha ambiciosa rehabilitación financiada ao abeiro do Plan ReacPon da Deputación

Cos recursos provinciais o Concello puido acometer a transformación deste inmoble, que hoxe inauguraron o alcalde, Adolfo Campos, e o deputado Santos Héctor, para convertelo nun edificio vangardista, sostible e accesible

27/03/2023

ReacPon Dozón

Un edificio innovador, igualitario e sostible para prestar un servizo de calidade á veciñanza. Así é a renovada Casa Consistorial de Dozón, froito da ambiciosa rehabilitación afrontada polo Concello grazas aos recursos do Plan ReacPon e o Plan Concellos da Deputación. O deputado provincial Santos Héctor Rodríguez participou hoxe xunto ao alcalde, Adolfo Campos no acto de inauguración deste inmoble, en cuxa reforma e mobiliario se investiron medio millón de euros , no que se deron cita todo o persoal municipal e a veciñanza de Dozón. Deste xeito, ás obras do edificio destináronse 405.381 euros, dos que a Deputación achegou 333.339,11€ co Plan ReacPon e os restantes 72.042€ foron sufragados polo Concello. Amais, outros 90.000 euros dunha achega do Plan Concellos foron destinados ao seu equipamento e amoblamento.

A actuación levada a cabo supón a obra máis ambiciosa levada a cabo neste municipio de pouco máis de mil habitantes e permitiu adecuar este inmoble, que ten unha antigüidade de preto de 50 anos, como Casa Consistorial do século XXI, corrixindo as súas anteriores deficiencias. Amais, tamén está enmarcada no fomento da igualdade de oportunidades entre o rural e o urbano. A rehabilitación respectou o aspecto exterior pero supuxo a transformación integral do seu interior, cunha nova redistribución das estancias, agora en espazos diáfanos, para facilitar as súas condicións de uso e garantir unha maior luminosidade. Deste xeito, tan só se conservou o lucernario central, o artesonado de madeira e a vidreira co escudo do Concello, amais do mobiliario do salón de plenos, mentres que o resto do equipamento foi renovado para garantir a súa funcionalidade.

Na planta baixa sitúanse as dependencias dirixidas á atención á cidadanía, mentres que na alta agrúpanse trala reforma as vinculadas á administración municipal. Así mesmo, dotouse ao edificio de accesibilidade ao instalarse un ascensor e aseos adaptados nas distintas plantas. No marco das políticas de igualdade deste Concello, o salón de usos múltiples leva o nome de Guntroda Suárez e un panel informativo amosa a historia desta monxa fundadora do Mosteiro de San Pedro de Vilanova, un dos monumentos románicos máis singulares do concello. Ademais, a reforma implicou tamén a creación dunha Oficina de Igualdade de apoio á muller na que se dará atención xurídica, social e psicolóxica ás que o precisen. Igualmente, haberá unha oficina vencellada coas persoas peregrinas onde se achegará todo tipo de información sobre o patrimonio cultural e natural do concello.

Amais, o proxecto contemplou tamén a transformación dixital da Casa Consistorial, coa incorporación de novas tecnoloxías que facilitarán o acceso autónomo por parte da cidadanía, con pantallas ou sistemas guiados por voz. Tamén se incorporan criterios de eficiencia enerxética, como a substitución das luminarias actuais por outras LED ou a redución do consumo de auga e mellora das condicións térmicas interiores, así como a mellora das condicións de salubridade do aire interior, con medidores de CO2.

No que se refire ao amoblamento, dotouse ao edificio dun mobiliario moderno para as zonas comúns e departamentos, así como do equipamento, imaxe corporativa e aspectos decorativos orientados a potenciar o seu porte institucional. Amais, o salón de plenos dispón de novas cadeiras de público, acordes co deseño escollido para os despachos de Secretaría e Gabinete de Alcaldía, dándolle continuidade e creando un punto de contraste co mobiliario institucional existente nesta emblemática estancia. Escolléronse materiais e acabados de primeira calidade para favorecer a durabilidade, así como a resistencia e comodidade para desenvolver o traballo diario.

Realizáronse actuacións destinadas ao embelecemento de distintas zonas,  co emprego de espellos no corredor da planta alta para crear distintos xogos visuais e de luz, e papel vinílico nos despachos, para dar profundidade e calidez aos espazos. Tamén se habilitou un xardín seco baixo a escaleira para poñer en valor este espazo e dar amplitude ao vestíbulo. A imaxe corporativa está presente en diferentes puntos e estancias.

Galerias de imagenes