Cinco centros de ensino e dúas asociacións de Vilagarcía de Arousa, distinguidos co ‘Selo Revitaliza’ da Deputación por “compostar de maneira responsable”

Os recoñecementos serán entregados o vindeiro xoves día 9 no parque do Piñeiriño da man do persoal técnico do Revitaliza e representantes do Concello

02/03/2023

Cinco centros de ensino e dúas asociacións de Vilagarcía de Arousa, distinguidos co Selo Revitaliza

A Deputación de Pontevedra vén de distinguir co ‘selo Revitaliza’ a cinco centros de ensino e a dúas asociacións do concello de Vilagarcia de Arousa por compostar de maneira responsable o seu lixo orgánico: a Escola de Educación Infantil Vagalume, os centros de Educación Especial Vilagarcía e Escola Mecos, o CEIP Plurilingüe de Vilaxóan e o CEIP Rosalía de Castro, xunto da Asociación ‘Con Eles’ e a Asociación Bata. Todos eles dispoñen de centros de compostaxe, algúns asociados a comedores e hortas escolares, e as súas candidaturas cumpriron todos os requirimentos de calidade e boas prácticas esixidos polo departamento provincial.

O vicepresidente César Mosquera, responsable do Plan Revitaliza, deu os parabéns aos beneficiarios dos recoñecementos e lembrou que todos os colexios ou entidades de calquera tipo, así como negocios e produtores singulares, que teñan un “excelente en compostaxe” por cumprir os parámetros establecidos polo persoal do Plan Revitaliza, poderán lucir nas súas portas os anagramas do Revitaliza como un distintivo personalizado, tal e como acontece con outras redes de calidade (Michelin,  Tripadvisor...).

Os galardóns van ser entregados o vindeiro xoves 9 de marzo da man de persoal provincial e representantes do Concello de Vilagarcia de Arousa (o concelleiro Lino Mouriño e a mestra composteira) no Parque do Piñeiriño a carón do CCC. Foi o Concello de Vilagarcia de Arousa quen presentou as candidaturas dos colexios e asociacións polas súas boas prácticas, validadas logo da supervisión da Deputación.

Os distintivos –hai que lembrar- pretenden recoñecer tanto a produtores singulares (restaurantes, comercios ou outro tipo de entidades) que actúan de maneira responsable e convertan os biorresiduos de cociña e outros residuos orgánicos -como os procedentes de comedores, merendas, xardíns e podas- nunha materia prima (compost) que serve para alimentar os solos e pechar o círculo que, nun futuro, reverterá en novos alimentos.

A Deputación de Pontevedra dentro do marco da Estratexia da Economía Circular actúa neste sentido como acreditadora da idoneidade na xestión dos residuos orgánicos e biorresiduos producidos  no ámbito da aplicación do “quilómetro cero”. De feito, a intención é que se vexa –neste caso por parte das crianzas dos centros de ensino e as persoas usuarias e relacionadas coas asociacións- como a economía circular da fracción orgánica a nivel local xera beneficios para a contorna local xa que a utilización do compost aumenta a biodiversidade, a fertilidade dos solos e a capacidade de reter auga, e globalmente contribúe na redución das emisións de gases de efectos invernadoiro mediante a retención do carbono.

Vilagarcia de Arousa

No caso de Vilagarcia de Arousa a equipa que concedeu os distintivos destacou o traballo das escolas que teñen os composteiros nos que botan os restos das merendas asociados incluso a pequenas hortas ou invernadoiros, onde o alumnado vive, aprende e experimenta o proceso da recirculación da fracción orgánica usando nos seus cultivos o compost producido. Tamén se dá o caso de realizar compostaxe cos restos orgánicos resultantes dos comedores, un proceso máis complexo que o das merendas pola cantidade de biorresiduos que se xeran diariamente.

A maior parte dos centros, ademais, veñen participando nas actividades de divulgación sobre compostaxe no proxecto que o Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra desenvolve da man do CEIDA, co obxectivo de que a comunidade docente  e o alumnado se conciencie da problemática dos residuos, acade un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obteña un compromiso persoal ante a redución dese lixo e co uso dos composteiros, e se informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos vixentes na maior parte dos municipios.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 8 resultados.