Poñer en valor a marca Rio Minho como destino turístico transfronteirizo de natureza e patrimonial, principal obxectivo do AECT no Día Mundial do Turismo
As oficinas de turismo de Salvaterra, Monçao, Tui e Valença xa locen a imaxe común para ofrecer produtos turísticos de toda a zona
27/09/2022
O AECT Rio Minho e a Deputación de Pontevedra celebraron hoxe o Día Mundial no Turismo destacando o grande potencial do territorio miñoto e a necesidade de poñer en valor a marca ‘Rio Minho’ como destino transfronteirizo de natureza e patrimonial. E fixérono dando os primeiros pasos para dúas novas actuacións na Eurocidade Tui-Valença: a creación dun Centro de Interpretación do Patrimonio Inmaterial Transfronteirizo (cunha plataforma web) e o acondicionamento dun novo sendeiro no concello de Tui.
O deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Uxío Benítez fixo estes anuncios na xornada ‘Crescimento e Sustentabilidade’ organizada polo Grupo Editorial Vida Económica en parcería coa Câmara Municipal de Valença , na que participou como relator. Na súa intervención salientou o enorme potencial e atractivo turístico do territorio transfronteirizo baixo marca Rio Miño, que identifica “con acerto” a todo o territorio, os 16 concellos galegos do Miño e aos 10 portugueses, baixo o lema ‘Un rio, dous países, un destino’, cun público obxectivo interesado na natureza e o patrimonio.
“Temos unha cultura común e unha natureza que destacan nos recursos a valorizar. Imos poñer en marcha o Anel Verde de sendeiros e promocionar as tradicións cultural miñotas”, salientou o nacionalista, quen subliñou que “o grande potencial dará grandes beneficios se o territorio está unido e se promociona conxuntamente”.
Neste sentido, o director do AECT salientou que a marca Rio Minho xa está a ser utilizada para oferta produtos turísticos de todo o territorio miñoto nas oficinas de atención a visitantes de Tui e Valença e tamén nas de Salvaterra e Monçao. Estes puntos de información foron recentemente reformados grazas ao proxecto ‘Vive Miño’ financiado con fondos europeos do POCTEP.
Centro de Patrimonio Cultural Inmaterial na Eurocidade
Benítez explicou que o AECT está a traballar nestes momentos en varias iniciativas dentro da Estratexia 2030 de promoción do territorio transfronteirizo como destino turístico. De feito, na xornada de hoxe asinou o protocolo de colaboración entre o AECT Rio Minho, a Câmara Municipal de Valença e a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... Nas Ondas! Para o desenvolvemento dun Centro de Interpretación do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) no ámbito do proxecto LIVHES, cofinanciado polo Interreg 2014-2020.
En concreto, o acordo asinado hoxe permitirá que se cree unha Plataforma Dixital sobre o patrimonio inmaterial transfronteirizo na que Ponte... nas Ondas! será responsable de contidos, poñendo a disposición todo o material tanto para a versión dixital. Tamén se habilitarán unhas instalacións físicas na Eurocidade nas que haberá exposicións sobre tradicións orais, contos e lendas, cultura marítimo fluvial ou cultura agraria, entre outras cuestións.
Por outra parte, Benítez anunciou que nos vindeiros días se dará a coñecer o proxecto de acondicionamento dunha nova senda na marxe do río Miño situada en Tui. Este novo tramo incorporarase no Anel Verde do Miño, a rede de sendeiros transfronteirizos que pretende conformar unha ruta continua de preto de 400 kilómetros de vías ciclables coas que atraer turismo de natureza ao territorio.
Na xornada realizada hoxe na Pousada de São Teotonio en Valença estiveron presentes, ademais do deputado Uxío Benítez, o alcalde de Tui Enrique Cabaleiro e representantes da Câmara de Valença, o vicepresidente do Turismo Porto e Norte Inácio Ribeiro, o profesor de Turismo na Escola Superior de Tecnologia e gestão do Instituto Politécnico de Viana do Castelo Minho Rafael Vale Machado, o presidente da Confederação Empresarial do Alto Miño Luís Ceia, o director do AECT Galiza-Norte de Portugal Nuno Almeida, o presidente da Caixa de Crédito Agrícola Mutuo do Noroeste José Correia da Silva.