A Deputación conmemora o Día Mundial da Poesía cun recital e conversa con mulleres das letras para poñer en valor “Unha provincia de poetas”
A sede da Deputación en Vigo acolleu esta actividade coa que arranca o ciclo Mulleres de Palabra(s) e na que participaron a vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez, a deputada de Igualdade, Sandra Bastos, e Susana Pedreira, Tamara Andrés, Oriana Méndez, Silvia Penas e Marta Dacosta
21/03/2025
A Deputación de Pontevedra celebrou hoxe o Día Mundial da Poesía co primeiro dos encontros do ciclo Mulleres de Palabra(s) na súa sede en Vigo que, baixo o título “Unha provincia de poetas”, incluíu un recital e unha conversa dirixida pola xornalista Susana Pedreira e con Tamara Andrés, Oriana Méndez, Silvia Penas e Marta Dacosta como protagonistas. No encontro a vicepresidenta provincial Luisa Sánchez, que estivo acompañada da deputada de Igualdade, Sandra Bastos, puxo de manifesto a necesidade de “dar voz ás autoras do presente, pero tamén de recuperar as voces silenciadas do pasado, co obxectivo de construír referentes para as novas xeracións, para as nosas nenas e mozas”.
O de hoxe foi o tiro de saída dun ciclo que, durante os próximos seis meses, percorrerá a provincia poñendo o foco nas escritoras e nas palabras a través das que contan o mundo con perspectiva de xénero. “Queremos que a cultura chegue a todos e cada un dos 61 concellos da provincia, deseñando unha programación chea de propostas de calidade e das que desfrutar ao longo de todo o ano”, asegurou Luisa Sánchez quen remarcou a importancia de facelo, ademais, “poñendo o foco en cuestións que nos preocupan e ocupan, como é a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes”. Neste eido, tanto a vicepresidenta como a deputada de Igualdade, Sandra Bastos, agradeceron ás participantes “por subirvos á palestra a inaugurar este ciclo e dedicarnos o voso tempo” e manifestaron a vontade do goberno provincial de “traballar os 365 días do ano para defender as mulleres e dar pasos firmes e cara adiante para conseguir construír máis pronto que tarde un mundo en igualdade”.
Mulleres de palabra(s) continúa o próximo 22 de abril na Guarda, onde será posible desfrutar de “As novas voces literarias da provincia”, con Guada Guerra, Lara Dopazo e Andrea Fernández Plata. Xa en maio, Mulleres de palabra(s) aterrará o 22 de maio en Sanxenxo con “Escribir para as máis novas”, no que participará Ledicia Costas, Fina Casalderrey e Eva Mejuto. En xuño terán lugar dous obradoiros: un en Pontevedra, de man de Diana López Varela, e outro na Lama, con Maritza Berttolini. E o último obradoiro volverá ser en Pontevedra, neste caso en setembro con Apiario, Dores Tembrás e Antía Otero. O primeiro ciclo “Mulleres de palabra(s)” rematará o 13 de outubro, Día das Escritoras, cunha conversa no Pazo provincial con Arantza Portabales, Susana Fortes e María Oruña.
Día Mundial da Poesía
Co fin de conmemorar o Día Mundial da Poesía, a Deputación de Pontevedra puxo tamén hoxe en marcha unha acción nas súas redes sociais para render homenaxe ás cantareiras e á poesía popular, ás que se lle dedica o Día das Letras Galegas neste 2025. Desta maneira e ao longo dunha semana, a institución provincial vai publicar nas súas redes sociais unha copla popular diaria transmitida por persoas da provincia coa finalidade de que poñer en valor e manter viva a poesía do pobo, popular e anónima, que se transmite de xeración a xeración.