O Pazo provincial tinguirase de verde con motivo do Día Mundial da Artrite

A deputada provincial Sandra Bastos xunto á secretaria de ASEARPO, Maribel Vázquez, encargaranse de acender a iluminación verde do edificio da Deputación este sábado ás 21:00 horas

29/09/2023

A Deputación de Pontevedra iluminará o Pazo provincial de verde desde a noite do sábado 30 de setembro ata o luns 2 de outubro con motivo do Día Mundial da Artrite, para unirse á campaña “Outubro, mes da artrite e da espondilartrite” da Asociación Enfermos de Artrite Pontevedra (ASEARPO), promovida durante todo o mes de outubro. A deputada provincial Sandra Bastos, xunto á secretaria de ASEARPO, Maribel Vázquez, encargaranse de acender a iluminación do Pazo este sábado ás 21:00 horas.

“Luce pola artrite” é unha das accións da campaña para iluminar de verde as fachadas de institucións públicas e hospitais. O seu obxectivo é concienciar e darlle visibilidade a esta enfermidade, que afecta tanto a persoas maiores coma á poboación máis nova e xera unha dor intensa e incapacitante.

O Pazo provincial, xunto con outros edificios emblemáticos das diferentes cidades a nivel nacional, iluminarán as súas fachadas no marco desta acción, que se celebra desde 2015. O ano pasado un total de 153 edificios, coma o Parlamento de Galicia, a Consellería de Sanidade, as fachadas de concellos e os hospitais públicos, sumáronse á iniciativa.