A Deputación e o concello de Silleda aceleran o proceso da nova senda peonil entre Toiriz e a conexión coa N-525
A presidenta Carmela Silva e o alcalde Manuel Cuíña presentaron o proxecto da senda de 1,4 quilómetros que se acometerá ao longo da EP-7201 e coincidente co trazado do Camiño
13/12/2022
Esta obra súmase a todas aquilas “que ten feito a Deputación xunto ao Concello para a seguridade peonil, a recuperación do espazo público e un novo modelo de mobilidade onde a xente é o centro da actuación”. Unhas actuacións que amosan que “cumprimos con Silleda e o facemos con eficacia, con eficiencia e en prazos de tempo moi breves”, asegurou a presidenta provincial, polo que “sentimos moita satisfacción por ser unha administración que lle está dando unha nova vida a Silleda”.
O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, asegurou que “o cumprimento da palabra dada, un xesto que debería estar dentro da normalidade e que esta Deputación ten por costume, vai arraigando entre a xente de Silleda. A xente sabe que cando a presidenta da Deputación vén a Silleda non di compromisos que quedan aí, senón que están asinados desde o momento no que se anuncian”. Cuíña asegurou que “o apoio da Deputación a Silleda é indiscutible e temos que darlle moito as grazas”.
Sobre a actuación da senda peonil na EP-7201, o rexedor asegurou que se actúa “onde van todas as nenas e nenos de Silleda ao instituto e ao colexio, pero tamén onde vai pasear moita xente de Silleda á carballeira das Pedrosas, que está ateigada cando o tempo acompaña, e onde cruzan as persoas peregrinas para percorrer o Camiño”, polo tanto, unha zona cunha alta afluencia de tránsito peonil. O alcalde tamén valorou que se soluciona a situación dunhas “vivendas que estaban en precario, sen saneamento e tendo que saír das casas a unha zona perigosa para poder ir ao centro urbano camiñando”.
A senda peonil de 1,4 quilómetros na EP-7201 terá un ancho de 2 metros e estará acabada en formigón coloreado. Discorrerá en todo o percorrido polo lado próximo ao centro urbano de Silleda, dando continuidade ás anteriores actuacións de mellora da mobilidade acometidas e impulsadas pola Deputación. Trala aprobación do convenio nos órganos colexiados das institucións procederase á súa licitación e adxudicación, cun prazo de execución das obras de arredor de 5 meses.
Na actualidade, a estrada conta con dous carrís de circulación con ancho variable e sen beirarrúas en practicamente a totalidade do tramo. Solucionarase esta carencia coa construción da senda peonil na marxe esquerda e en sentido ascendente para outorgar un espazo diferenciado, exclusivo e seguro para o tránsito peonil. As obras tamén inclúen un novo paso peonil elevado para o cruzamento da estrada EP-7201 (coincidente co Camiño de Santiago), a execución de sumidoiros, pozos de rexistros e tubaxes para a drenaxe da vía, así como obras de saneamento en toda a zona, incluídas as vivendas localizadas no tramo da estrada.
Tamén se realizará a canalización soterrada para o alumeado público, nunha lonxitude de case un quilómetro, colocaranse 40 novas columnas e luminarias con canalización soterrada e luminarias LED de alto rendemento para garantir a seguridade en horario nocturno.
Unha escultura de gran tamaño dun hórreo elaborada na Escola de Cantería para a EP-7201
A presidenta provincial e o alcalde silledense tamén se achegaron á zona onde onte luns comezaron os traballos de instalación dunha escultura de grandes dimensións elaborada na Escola de Cantería. Trázase dunha peza con forma de hórreo, unha obra de 6,1 metros x 3,25 metros x 2,20 metros de preto de 26.000 quilos de peso elaborada en granito silvestre serrado e cun orzamento de 23.000 euros. Está localizada na rotonda de mellora da conexión da EP-7201 coa estrada autonómica a Laro, na zona onde a Deputación e o Concello de Silleda actuaron para a mellora da mobilidade antes do verán.
A presidenta provincial, Carmela Silva, asegurou que se trata dunha obra “marabillosa, un hórreo que será un elemento patrimonial para embelecer a rotonda e de recordo do que somos. Somos agricultura e os hórreos xogaban un papel fundamental. Será un recordo máis da nosa historia e un patrimonio arquitectónico”. O rexedor puxo en valor o feito de que non supuxo ningún gasto para o Concello de Silleda, xa que a Deputación a cedeu de xeito totalmente gratuíto.
Grazas a estas actuacións, a Deputación de Pontevedra dota os concellos dun valioso patrimonio á vez que pon en valor o traballo feito na Escola de Cantería, un centro de formación pioneiro e único en toda Galicia e moi vencellado á tradición de oficios deste territorio.