A Deputación contará en 2024 co orzamento máis alto da súa historia: máis de 189 millóns de euros para avanzar no municipalismo e na transformación da provincia
Luis López presentou este xoves as contas “do municipalismo”, nas que a partida de Cooperación cos concellos medra un 16 % ata acadar os 66 millóns, un terzo do total
02/11/2023
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou este xoves 2 de novembro no vestíbulo do Pazo provincial, ante os membros do seu Goberno e traballadoras e traballadores públicos, o orzamento máis alto da historia deste organismo, que acada os 189,2 millóns de euros; unha cifra global que supón un incremento de 7,6 millóns con respecto ao do ano anterior. Do mesmo xeito, supón unha suba de 30 millóns comparado con 2019 e de 35 millóns, con respecto a 2016, que son os anos de inicio de mandato do Goberno anterior.
“Son as contas do municipalismo”, afirmou o mandatario provincial en alusión ao crecemento da partida de Cooperación cos concellos, que crece un 16 % ata situarse nos 66 millóns. “Nin máis nin menos que un terzo do orzamento dedícase a axudar os nosos municipios para que se modernicen e atendan as necesidades dos veciños”, defende Luis López.
O Orzamento de 2024, que está previsto que entre en vigor o 1 de xaneiro, reflicte unha aposta clara por algunhas das áreas estratéxicas do novo goberno. Así, constátase unha suba do 18 % nas partidas de Deporte, de preto do 2 % en Turismo, do 20 % en Cultura, así como a creación dun novo Servizo de Xuventude e Reto Demográfico.
“Este proxecto susténtase no municipalismo: escoitar, entender e atender a realidade particular dos 61. Tamén é un proxecto de transformación, sen renunciar ao que está ben feito, pero sen complexos para perseguir o bo que queda por facer. E, por último, é un proxecto aberto coa man tendida para colaborar con outras administracións, cos colectivos e coa cidadanía a título particular”, explicou o presidente da Deputación antes de detallar polo miúdo as partidas.
Municipalismo
“Estas contas son, ademais, un reflexo claro das nosas prioridades. Non só nos declaramos municipalistas. A colaboración e o apoio non é unha frase bonita, é un feito que se reflicte nestas contas”, asegurou Luis López antes de debullar todas as partidas pensadas para os concellos que gardan estas contas. Ademais da partida para Cooperación, o mandatario provincial recordou o programa “+Provincia”, que está tamén incluído nestes orzamentos. “Disporá en total de 48,2 millóns. É o maior plan de obras e servizos da historia da Deputación. Falamos dun 9 % máis que o do ano pasado. O noso primeiro plan incrementa a contía máis que os do anterior Goberno en oito anos”, recordou o dirixente, citando a novidosa cuarta liña deste programa, destinada a executar proxectos de futuro e transformadores nos municipios.
Seguindo co apoio aos concellos, avanzou López que o documento inclúe tamén unha partida de dous millóns de euros para o Plan provincia comunitaria, que garda na liña “+Aqua” un apoio específico para comunidades de usuarias e usuarios de auga.
O apoio ás grandes cidades queda tamén garantido nestas contas. Vigo e Pontevedra seguirán contando cun convenio específico para cada unha, dotado con 7,5 millóns de euros; unha cifra que poderá medrar a medida que se formulen proxectos concretos.
Deporte e Turismo
Pero o apoio aos concellos non é o único piar que reforzan estes documentos. Para a área de Deporte a contía crece en 900.000 euros ata alcanzar os 5,5 millóns. Un total que se sitúa preto dos 10 millóns de euros ao ter en conta o Plan extraordinario de infraestruturas deportivas de 4 millóns de euros. “Non só nos declaramos impulsores do deporte, é que facemos unha aposta real por el”, dixo o presidente.
En materia de turismo, sostén López, que o seu Goberno podería “agardar a seguir colleitando novos récords sen facer nada real por el”. Nada máis lonxe da realidade, o Goberno da Deputación dálle un novo impulso ao turismo cun incremento nas súas partidas ata alcanzar os 5,6 millóns de euros; unha suba “real” de máis dun millón de euros, ao ter en conta a finalización doutros proxectos financiados con fondos europeos.
Cultura
O documento recolle tamén unha maior achega para a Área de Cultura, cun crecemento dun 20 % ata chegar aos 4,7 millóns de euros. Tamén sobe a dotación para o Museo de Pontevedra, cun aumento do 3,2 % das partidas; a institución da que se encarga o vicepresidente Rafa Domínguez manexa un orzamento de 10,3 millóns de euros.
Outra das novidades deste orzamento é a creación dun novo Servizo de Xuventude e de Reto Demográfico, dotado con 1,2 millóns de euros para “potenciar o inmenso talento e as oportunidades dos nosos mozos e mozas, e velar polo futuro do noso territorio”.
Tamén potencian estas contas os fondos dispoñibles para os centros dependentes da Deputación para que sigan sendo unha referencia nos seus eidos. É o caso da Finca Mouriscade, incluída na dotación para Medio Ambiente, que é de 4,9 millóns de euros (+16,5 %); o Centro Príncipe Felipe, con 13,1 millóns (+4,4 %); a Escola de Enfermería, con 500.000 euros (+5,6 %); ou a Estación Fitopatolóxica Areeiro, con 400.000 euros (+15,8 %).
Finalmente, as contas do vindeiro ano recoñecen tamén o esforzo das e dos traballadores da Deputación coa suba na súa retribución dun 3 % prevista nos acordos estatais, a recuperación do complemento especial de dedicación técnica para o persoal ou a creación de 26 novas prazas de emprego público.
Nova imaxe institucional
“Somos unha institución que tende pontes”, concluíu Luis López equiparando o carácter municipalista do Goberno provincial e do seu Orzamento coa nova imaxe institucional que o presidente presentou este mesmo xoves aproveitando a súa intervención para dar a coñecer as contas do ano 2024.
Os arcos dunha ponte danlle forma á nova imaxe da institución provincial; uns arcos que, ao mesmo tempo, agochan as siglas (DPO) desta Administración. “Nesta provincia de pontes coma a de Rande, a da Illa de Arousa ou a do Burgo de Pontevedra, a Deputación é unha ponte máis. Somos unha tripla ponte entre cidadáns, concellos e administracións, e por iso esta imaxe representa, en cada un dos seus tres arcos, o noso imprescindible papel dentro da provincia. Ese é o lema que o acompaña: ‘Tendemos pontes’”, detallou López.
Ademais, a cor escollida para esta nova imaxe lanza tamén unha mensaxe de unidade e inclusión. “Esta non é unha imaxe dun partido nin a dun goberno en concreto. Non quixemos tomar ese camiño. Presentamos un logo para este e para os seguintes gobernos, sexan ou non do partido que o apoia neste mandato. Por iso non é nin vermello nin azul; é verde. Verde, coma a pedra antiga de moitas das nosas pontes; como calquera recuncho desta espléndida provincia”, argumentou o representante provincial, que agradeceu o traballo feito polo estudo vigués Chachachá e as achegas do persoal da Deputación.
Continuando coa metáfora da ponte, rematou Luis López a presentación do Orzamento e da nova imaxe institucional asegurando que “levamos case 190 anos en pé, conectando cidadáns de distintas beiras, de lugares moi diversos, para que se xunten en algo moi grande, que é a nosa provincia; temos sólidos piares: confianza, rigor, un proxecto definido, un orzamento forte e todas as ganas por levalo a cabo. Seguimos sendo unha referencia institucional sólida fronte ás correntes revoltas que queren derrubar todo o bo que levamos construído ata hoxe; e seremos aínda máis fortes se, entre todos, fortalecemos eses piares e nos seguimos conectando”.